Esta actuación será posible grazas á concesión dunha axuda económica por parte da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), dentro do “VI Plan de Recuperación de Memoria Democrática 2025-2026”, que destina ao municipio unha contía de 7.500 euros para a realización de actuacións de recuperación da Memoria Democrática.
O proxecto, solicitado polo Concello a finais do ano 2025, ten como obxectivo comezar unha nova exhumación dunha segunda fosa localizada en Salvaterra de Miño, unha iniciativa que naceu dunha reunión previa entre a alcaldesa, Marta Valcárcel, e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño – Condado – Louriña.
Os traballos de investigación desenvolvidos pola Comisión céntranse na localización dos restos de tres persoas: Bernardo Bernárdez Martínez, Delfín Rey Sánchez e unha terceira persoa descoñecida, que segundo as partidas de defunción obtidas no xulgado de paz municipal foron soterradas no cemiterio de Salvaterra.
O lugar onde se prevé se localicen as fosas obxecto da presente intervención atópase dentro do Cemiterio Civil de Salvaterra de Miño, na parte traseira e con entrada independente ao Cemiterio Municipal de Salvaterra, no lugar de Chan da Ponte.
O obxectivo da intervención é o de localizar as fosas de enterramento e recuperar os corpos que nela poidan aparecer, para posteriormente proceder a súa identificación e por último darlle un digno enterramento aos restos recuperados á espera de localizar algún familiar das vítimas. A identificación dos restos e o seu estudo antropolóxico será levado a cabo por D. Fernando Serrulla Rech, médico forense especializado na identificación de cadáveres mediante probas de ADN. A proposta de actuación consiste polo tanto na realización dunha escavación con metodoloxía arqueolóxica no lugar sinalado polas fontes orais.
Os traballos están pendentes da resolución da autorización de inicio dos mesmos.

