Ponteareas pecha as celebracións do Corpus Christi 2026 rendendo tributo aos alfombreiros e homenaxeando a Maruja Carrera, figura indiscutible do portal de Oriente

Redacción

O auditorio de Ponteareas quedou onte pequeno para albergar ao numeroso público asistente ao acto de entrega de medallas aos alfombreiros e alfombreiras do Corpus Christi deste ano, que supoñía o broche de outro a un completo programa de eventos para todos os públicos no marco da celebración das festas máis importantes da vila. A gala, que tivo momentos realmente emotivos, estivo precedida da ofrenda floral que a corporación municipal e familiares dos alfombreiros falecidos protagonizaron no monumento erixido na súa memoria.

Dende moito tempo antes de que empezase a gala de entrega de medallas, os veciños e veciñas de Ponteareas, a maioría pertencentes aos diferentes portais da vila, encheron o patio de butacas do auditorio nun ambiente cargado de emocións polo éxito que supuxo a edición do Corpus deste ano.

O Concello recoñeceu nesta gala o labor fundamental que desenvolven durante todo o ano asociacións e colectivos do municipio como a ONCE, Adapta, Avelaíña, o CRA A Picaraña, Voces nas mans, a Peña “Non hai remedio”, Inserción social ou a Unidade Pastoral de Ponteareas, que foron condecorados pola alcaldesa, Nava Castro e polo Tenente de Alcaldesa, Juan Carlos Carrera.

Do mesmo xeito, un dos momentos máis especiais da noite foi o do recoñecemento á alfombreira de honra deste ano, Maruja Carrera, unha das figuras máis importantes do portal de Oriente. Este recoñecemento, aprobado por unanimidade de toda a corporación, tivo tamén reflexo no público asistente, que lle dedicou un longuísimo aplauso en agradecemento por toda unha vida de participación activa no Corpus.

O tentente de Alcaldesa, Juan Carlos Carrera, sinalou na súa intervención que “todas as imaxes do Corpus deste ano son impresionantes e todas as vivencias son irrepetibles. O noso Corpus resúmese en todo o vivido nas últimas horas, que foi moito e moi intenso, e persoalmente quedo co realmente importante: con que Ponteareas, aquí e no resto do mundo, é un icono e un referente. A miña máis sincera noraboa porque é impresionante o que somos capaces de facer nesta vila”.

Pola súa banda, a Alcaldesa Nava Castro asegurou no seu solemne discurso que “Ponteareas non se entendería sen o Corpus, e o Corpus non sería igual sen Ponteareas. Levamos séculos creando e mantendo esta maneira de elaborar as nosas alfombras, e despois de tantos anos, podemos dicir, orgullosos, que esta festa e esta tradición teñen o presente e o futuro asegurados. Sodes vós, os veciños e veciñas do noso pobo os que transmitides a nosa esencia a través das alfombras. E sodes vós o noso orgullo máis grande na nosa festa máis importante”.

Os medallistas, ovacionados

A noite tivo como grandes protagonistas aos tramos alfombreiros de Ponteareas, que foron aclamados polo público asistente. A continuación, a listaxe completa dos medallistas:

Praza Bugallal – La Orotava: Cayetano Sixto Mejía Farrujia

Praza Bugallal: María Dolores Giráldez Groba

Rúa Oriente: María Nilsa González Costa

Praza Maior – Tramo 1: Rosa Domínguez Carrera

Praza Maior – Tramo 2: Miguel Mera Cuevas

Cruceiro San Gregorio: Severino Pregal Bouza

Rúa Ferreiros – ANPA Pena do Equilibrio: María Azucena Garrote Fernández

Rúa Ferreiros – Tramo 1: Josefa Pino Carrera

Rúa Ferreiros – San Roque: José Antonio Álvarez Araujo

Dr. Fernández Vega – Fonte do Baratillo: Concepción Cima Martínez

Rúa Fernández Vega: Juan José Campos Amoedo

Arco da Vella – Dr. Fernández Vega: José Antonio Vázquez Covelo

Cantón de Boa Vista: Óscar Montero Couñago

Rúa Doutor Fernández Vega: Bruno Antonio Vázquez Cuntín

Reveriano Soutullo – A Castiñeira: Carmen Giráldez Torres

Reveriano Soutullo – Arcos: María Gloria Giráldez Boo

Reveriano Soutullo – Prado: Silvia Costal Rodríguez

Reveriano Soutullo – As Monxas: Rosa Ana González Rodríguez

Reveriano Soutullo: Miguel Ángel Castro Fernández

Rúa Constitución: Ana María Fernández Soto

A Alcaldesa agradeceu o labor de todos os representantes dos tramos e portais de Ponteareas con motivo da entrega de medallas. “Esta é unha ocasión sinalada para poñer en valor que un traballo anónimo como o do Corpus teña nomes e apelidos en cada rúa. É un recoñecemento e un agradecemento a parte dunha vida dedicada a que se manteña viva  unha tradición que tanto e tan ben nos identifica e nos singulariza como pobo”.

Recoñecemento aos artífices da alfombra ao Papa en Madrid

Na recta da gala de entrega de medallas do Corpus houbo tamén un recoñecemento a todos os alfombreiros e alfombreiras que realizaron en Madrid unha alfombra conmemorativa para a visita do Papa León XIV na rúa Alcalá. Foron un total de 24 persoas da vila, que ademais de confeccionar o deseño para o Pontífice lideraron a coordinación das 16 grandes composicións florais ao longo de 500 metros de percorrido, no que participaron un total de 160 voluntarios.

A concelleira Raquel Bautista estivo persoalmente na capital de España acompañando aos 20 artífices da alfombra floral de Ponteareas. A alcaldesa, que nomeou un a un aos membros desa delegación, recalcou na gala de onte que “foi un momento histórico que permanecerá para sempre na memoria de Ponteareas, porque é o recoñecemento a unha tradición única, froito do esforzo, a dedicación e o amor de xeracións de homes e mulleres que mantiveron vivo este arte efémero ao longo do tempo”.

Comparte este artigo