Ponteareas inaugura a terceira edición de “Fórmate na Empresa”, consolidándose como o único concello galego participante no programa

Redacción

Doce mozas e mozos realizarán estadías formativas en empresas e entidades do municipio para mellorar a súa empregabilidade e adquirir experiencia profesional

O Concello de Ponteareas inaugurou esta mañá a terceira edición do programa “Fórmate na Empresa”, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE+Galicia 2021-2027 que permitirá a 12 mozas e mozos realizar estadías formativas remuneradas en empresas e entidades do municipio durante os próximos catro meses.

A vila reafírmase así como o único concello galego seleccionado para participar neste programa, consolidando o seu compromiso coa formación, o emprego xuvenil e a retención do talento.

No acto de apertura participaron a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro; a concelleira de Emprego, Silvia Fernández Táboas; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández; e a directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Lara Meneses, acompañadas polas persoas participantes e representantes das empresas colaboradoras.

A concelleira de Emprego destacou que esta iniciativa representa “unha oportunidade real para que a nosa mocidade poida adquirir experiencia profesional, coñecer de primeira man o funcionamento das empresas e mellorar as súas posibilidades de inserción laboral”. Silvia Fernández salientou ademais que ser o único concello galego seleccionado “é o resultado do traballo realizado durante estes anos e da confianza depositada por todas as entidades que colaboran nesta iniciativa”.

A edil quixo agradecer especialmente a implicación das empresas participantes, que nesta edición pertencen a sectores tan diversos como o deportivo e lecer, o téxtil e moda, os servizos empresariais ou o sector forestal. As estadías desenvolveranse en Silvareira Servizos Forestais, Centro de Negocios Asergalicia, Consultoría Condado Paradanta, Concello de Ponteareas, Algazara Home, Uniformes Elena Pérez, Ecocelta Galicia, Slab  arquitectura de interiores, Fashion Forever-Liu Bazar.

O delegado da Xunta en Pontevedra destacou que este programa “é moi bo para intentar enraizar en Ponteareas. Ás veces parece que sempre temos que marchar a grandes cidades para atopar traballo e nas comarcas, concellos e vilas vívese moi ben. Recomendo a todos os alumnos e alumnas que aproveitedes esta oportunidade, sacade o mellor de vós e demostrádelle ás empresas que tedes ganas de aprender a sumar”.

A directora xeral de Xuventude felicitou ao Concello de Ponteareas por ser o único en conseguir reunir as características para obter este programa “porque indica o bo traballo que se está a facer, aportando solucións á busca de emprego da mocidade a través de programas coma este. Grazas tamén por estar sempre dispostos a colaborar con nós, man a man, en outras moitas iniciativas, como o Xuventude Crea, entre outros”.

Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro subliñou que “este programa encaixa perfectamente coa visión de futuro que temos para Ponteareas, unha vila na que a mocidade poida estudar, emprender, traballar e construír o seu proxecto de vida sen verse obrigada a marchar por falta de oportunidades”.

A rexedora mostrou o seu orgullo porque Ponteareas participe por terceiro ano consecutivo nesta iniciativa, un feito que, segundo indicou, “demostra a capacidade do noso municipio para impulsar programas útiles e eficaces en colaboración coa Xunta de Galicia e co tecido empresarial”.

As doce persoas seleccionadas realizarán prácticas formativas cun mínimo de 100 horas mensuais en contornos reais de traballo, percibindo unha bolsa mensual de 690,66 euros, ademais de recibir formación complementaria, titorización e seguimento continuo ao longo do programa.

“Fórmate na Empresa” ten como finalidade reforzar as competencias profesionais da mocidade inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, mellorando a súa empregabilidade mediante a adquisición de experiencia práctica e favorecendo a conexión entre o talento novo e o tecido empresarial.

Comparte este artigo