A rexedora compostelá participou hoxe xunto a Carme Fouces na conversa pública ‘Mulleres á fronte: feminismo e política’ organizada polo BNG
A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, reivindicou hoxe a necesidade de que a igualdade e o feminismo deixen de ser cuestións limitadas a áreas concretas da administración para converterse nun principio transversal presente en todas as políticas públicas. Fíxoo durante a conversa ‘Mulleres á fronte: feminismo e política’, organizada polo BNG e celebrada na Casa das Campás, que tiña como obxectivo achegar ao público as experiencias de mulleres que ocupan postos de máxima responsabilidade institucional.
Sanmartín defendeu que gobernar con perspectiva feminista implica incorporar as chamadas ‘lentes lilas’ á toma de decisións en ámbitos tan diversos como o urbanismo, a mobilidade, a cultura, os coidados, a participación cidadá ou a organización interna das propias institucións.
Segundo explicou, a igualdade real non se consegue unicamente mediante programas específicos para as mulleres, senón analizando como afectan as políticas públicas ao conxunto da cidadanía e corrixindo as desigualdades estruturais que seguen presentes na sociedade.
“Creo que na experiencia de alcaldesa o tema de poñer igualdade e feminismo como transversalidade é importante e relevante”, afirmou. Neste sentido, sinalou que a presenza de mulleres en postos de responsabilidade contribúe a introducir novas miradas e prioridades na acción política. A alcaldesa sostivo que a perspectiva feminista continúa sendo necesaria para cuestionar prácticas e dinámicas que durante décadas se consideraron normais dentro das institucións.
A charla, conducida por Carme Fouces, serviu para reflexionar sobre os avances e desafíos do feminismo en xeral, a presenza das mulleres nos espazos de poder e as dificultades que aínda persisten para acadar unha igualdade real na vida política e institucional.
Durante a súa intervención, Sanmartín advertiu dunha involución social motivada por discursos negacionistas que poden significar un momento de retroceso en determinados aspectos. A rexedora compostelá tamén puxo o foco nas dificultades que continúan atopando as mulleres que desempeñan responsabilidades políticas. Entre elas destacou especialmente os horarios da vida institucional, que definiu como “terribles” e incompatibles coa conciliación familiar e os coidados. “Se queremos unha participación plena das mulleres na política temos que modificar esa realidade”, afirmou.
Outro dos asuntos abordados foi a persistencia dos estereotipos de xénero e a atención que segue recibindo o aspecto físico das mulleres que ocupan cargos públicos. “Son mecanismos que buscan centrarse no aspecto físico das mulleres para baixar a nosa autoestima e evitar falar do realmente importante”, denunciou. Neste sentido, advertiu de que moitas das críticas que reciben as mulleres en política continúan apoiándose en estereotipos patriarcais que cuestionan a súa capacidade ou apelan a tópicos como o da suposta ‘histeria feminina’ para desacreditar as súas posicións.
A conversa serviu tamén para analizar a evolución do Bloque Nacionalista Galego en materia de igualdade. Sanmartín reivindicou o proceso de transformación interna desenvolvido pola organización nacionalista ao longo das últimas décadas até converter o feminismo nun dos seus sinais de identidade e até incorporalo aos documentos políticos e aos estatutos. A alcaldesa destacou que o feminismo forma parte actualmente da definición política do BNG, aínda que recoñeceu que, como ocorre no conxunto da sociedade, seguen a existir comportamentos e inercias machistas que cómpre combater.
A xornada pechouse cun coloquio co público e cun conto por parte da alcaldesa de Santiago, a quen Fouces definiu como unha “mestra da narración”

