Alteanos e Wilson’s Band disputarán este sábado en Ponteareas a Finalísima Talento Xove polo pase ao festival Rock in Rio Tea

Redacción

As actuacións serán o sábado 13 de xuño a partir das 20:00 horas no Paseo Matutino e porá o broche final á programación musical de Talento Xove 2026

Este sábado 13 de xuño celébrase a gran “Finalísima Talento Xove”, unha cita que reunirá ás dúas bandas gañadoras da fase musical do programa municipal para competir por un premio moi especial: actuar no escenario do festival Rock in Rio Tea.

A partir das 20:00 horas, o Paseo Matutino converterase no epicentro da música en directo cun duelo musical protagonizado por Alteanos e Wilson’s Band, as dúas formacións seleccionadas polo xurado tras as súas actuacións nas fases previas do certame.

O grupo gañador da “Finalísima” obterá como premio unha actuación no festival Rock in Rio Tea, un dos eventos musicais de referencia do verán en Ponteareas, compartindo cartel con artistas e bandas de recoñecido prestixio.

Esta “Finalísima” supón o peche da programación musical de Talento Xove, unha iniciativa impulsada polo Concello de Ponteareas para promover a creatividade, o talento e a participación da mocidade en diferentes disciplinas artísticas e culturais.

O concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, agradeceu a colaboración do festival Rock in Rio Tea, “por sumarse a esta iniciativa e abrir as portas do seu escenario ao talento emerxente. Esta colaboración permite que os grupos participantes conten cun incentivo real e cunha oportunidade única para actuar diante dun público numeroso e compartir cartel con artistas consolidados, reforzando así o obxectivo de Talento Xove de impulsar e visibilizar a creatividade da nosa mocidade”.

Cristian Montes anima á veciñanza a asistir ao concerto e apoiar ás bandas participantes: “Será unha tarde-noite de música, convivencia e moita emoción. Queremos que o público forme parte desta gran final e acompañe aos grupos nun momento que pode marcar un antes e un despois na súa traxectoria musical”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, subliña que “apostar pola mocidade é apostar polo futuro do noso municipio. A través de programas como Talento Xove ofrecemos ferramentas, espazos e oportunidades para que as novas xeracións poidan desenvolver o seu potencial e compartir o seu talento coa sociedade”.

A rexedora destaca ademais que “esta final representa perfectamente o espírito do programa: esforzo, ilusión, creatividade e participación. Estamos moi orgullosos do traballo realizado por todos os participantes ao longo destes meses e convidamos a toda a cidadanía a acompañarnos nesta gran celebración do talento mozo”.

O Concello anima á veciñanza a achegarse ao Paseo Matutino para desfrutar dunha tarde de música en directo e apoiar ás dúas bandas finalistas nunha cita que promete converterse nun dos momentos máis destacados da programación de Talento Xove 2026.

Comparte este artigo