A comunidade ecuatoriana de Ourense celebrará o 16 de xuño a tradicional festa do Inti Raymi no Campo da Feira

Redacción
  • O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu a Alfonso Ramos e Joaquín Montes, impulsores desta iniciativa
  • Desde as 19.00 horas con entrada libre, inclúe degustación de comida típica, música en directo e baile

O Campo da Feira acollerá o vindeiro martes, 16 de xuño, unha festa de confraternidade organizada pola comunidade ecuatoriana residente na cidade coa colaboración do Concello de Ourense. O evento celébrase con motivo do Inti Raymi ou Festa do Sol, unha das tradicións máis importantes de Ecuador que coincide coa chegada do solsticio de inverno no país americano.

O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu no Concello a Alfonso Ramos e Joaquín Montes, impulsores desta iniciativa. Segundo explicou Ramos, ecuatoriano veciño de Ourense desde hai máis de 25 anos, esta primeira edición arrinca como un evento de formato pequeno co obxectivo de reunir as familias ecuatorianas da cidade —unhas 20, que suman arredor de 80 persoas—, así como a persoas chegadas doutras cidades próximas. A intención dos organizadores é que a festa vaia medrando en anos sucesivos para consolidarse no calendario da cidade e como punto de encontro da comunidade ecuatoriana.

A celebración comezará ás 19.00 horas e a entrada será libre e aberta a toda a veciñanza de Ourense que queira achegarse e coñecer de preto esta tradición. Poderase degustar comida típica de Ecuador e a xornada estará amenizada por música tradicional en directo, interpretada con instrumentos como guitarras, frautas e rondíns, que dará paso a un baile popular.

Comparte este artigo