O ex-portavoz de Podemos Ourense, Francisco Diéguez, e outros antigos membros de Podemos Ourense participarán o vindeiro luns 15 de xuño, ás 20:15 horas no Liceo de Ourense, nun acto público no que estarán presentes representantes de diferentes organizacións políticas e sociais.
O encontro nace coa vontade de abrir un espazo de diálogo e reflexión sobre os retos actuais da esquerda transformadora en Ourense e sobre a necesidade de fortalecer a cooperación entre organizacións políticas, colectivos sociais e persoas independentes comprometidas coa defensa dos servizos públicos, a xustiza social, o feminismo, o ecoloxismo e a participación cidadá.
Diéguez quixo agradecer publicamente a disposición da portavoz nacional de Sumar no Congreso, Verónica Barbero, para participar neste encontro e contribuír a un debate aberto sobre o futuro do espazo progresista en Ourense: “Agradezo sinceramente a súa presenza e a súa vontade de escoitar a realidade política e social da nosa cidade. Nun momento no que resulta imprescindible tender pontes e buscar puntos de encontro, a súa participación representa un exemplo de diálogo, respecto e compromiso coa construción de alternativas para a cidadanía”.
Segundo sinala Diéguez, “tras tres meses de absoluta inacción por parte de Podemos Galicia respecto á situación política de Ourense, resulta evidente que existe un baleiro que alguén terá que cubrir. A desaparición práctica de Podemos Ourense deixou sen referente político a moitas persoas que durante anos construíron un proxecto colectivo na cidade e na provincia”.
Durante estes meses, moitas das persoas que formaron parte de Podemos Ourense, tanto desde responsabilidades públicas como desde a militancia de base, compartiron a preocupación pola falta dun proxecto que dea continuidade ao traballo realizado durante a última década. Unha preocupación que, lonxe de traducirse en resignación, está a transformarse en vontade de diálogo, cooperación e construción colectiva.
“O feito de que neste acto coincidan representantes políticos, movementos sociais e persoas que formaron parte de diferentes proxectos ao longo destes anos demostra que existen máis puntos en común dos que ás veces pensamos. O importante é poñer por diante aquilo que nos une: a defensa dos servizos públicos, da vivenda digna, da igualdade, da participación cidadá e da protección do noso patrimonio natural e cultural”.
“Durante estes meses quedou claro que en Ourense segue existindo un amplo espazo progresista, social e cidadán preocupado polos problemas reais da cidade e disposto a implicarse na procura de solucións. Máis aló das organizacións concretas, hai persoas e colectivos que continúan traballando cada día en defensa dos servizos públicos, do medio ambiente, da igualdade e da participación cidadá. Este encontro pretende precisamente favorecer o diálogo entre esas sensibilidades diversas e contribuír á construción de puntos de encontro”.
O acto estará aberto á participación de todas aquelas persoas interesadas en contribuír a este debate colectivo sobre o presente e o futuro do espazo progresista en Ourense.

