As obras de mellora da mobilidade peonil en Fontenla avanzan a bo ritmo e encaran a súa recta final

Redacción

A alcaldesa de Ponteareas acompañada polo tenente de alcaldesa e a deputada de infraestruturas públicas supervisaron o estado dunha actuación que permitirá reforzar a seguridade viaria nun dos principais accesos aos centros educativos e ao centro de saúde

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, acompañada polo tenente de alcaldesa Juan Carlos González, e a deputada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade da Deputación de Pontevedra, Belén Cachafeiro, visitaron as obras de mellora da mobilidade peonil que se están a executar na estrada provincial EP-4001, ao seu paso por Fontenla, para comprobar o avance dunha actuación que permitirá mellorar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos a pé nun dos puntos con maior tránsito do municipio.

Durante a visita, ambas responsables destacaron o bo ritmo dos traballos, que permitirán completar un itinerario peonil seguro nun tramo especialmente utilizado pola veciñanza para acceder aos centros educativos IES Val do Tea e CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera, así como ao centro de saúde e o cemiterio de Ponteareas.

A actuación abrangue o treito comprendido entre os puntos quilométricos 0+810 e 1+710 da EP-4001 Ponteareas-Guillade, dando continuidade ás actuacións realizadas previamente polo Concello para mellorar a mobilidade peonil desde o núcleo urbano.

O proxecto contempla a construción dunha senda peonil, a implantación de medidas de calmado do tráfico coa limitación da velocidade a 30 quilómetros por hora e a execución de varios pasos sobreelevados que permitirán conectar de forma segura os accesos existentes. Ademais, habilitaranse zonas de convivencia en puntos estratéxicos do percorrido para reforzar a seguridade viaria e incrementarase a seguridade para a accesibilidade do alumnado do IES do Barral.

Os traballos inclúen tamén a renovación da rede de pluviais, a mellora do alumeado público e a reposición da capa de rodadura, así como a correspondente sinalización horizontal e vertical.

A deputada provincial Belén Cachafeiro, “nestes momentos as obras de mellora da funcionalidade e seguridade da vía -que contan con financiamento da Unión Europea a través do Plan de Sostibildiade Turística en Destino Condado-Paradanta. Unha terra entre ríos- avanzan a bo ritmo. O noso obxectivo con esta actuación é darlle prioridade ao tránsito peonil, incrementando o espazo ocupado polas beirarrúas e creando zonas de convivencia nos treitos nos que o ancho non permite o cumprimento das condicións de accesibilidade”, subliñou Cachafeiro.

A concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández, salientou que “esta actuación supón un paso moi importante para seguir construíndo unha Ponteareas máis segura, accesible e pensada para as persoas. Estamos a falar dun tramo moi utilizado diariamente por estudantes, familias e usuarios do centro de saúde, polo que esta mellora terá unha repercusión directa na calidade de vida da veciñanza”.

A alcaldesa, Nava Castro destacou a colaboración institucional coa Deputación de Pontevedra para facer realidade este proxecto. “Cando as administracións traballan da man conseguimos dar resposta a necesidades reais da cidadanía e executar actuacións que melloran o día a día dos nosos veciños e veciñas”, sinalou.

Comparte este artigo