Os populares reclaman máis impulso ao solo empresarial, a captación de investimentos e o desenvolvemento de áreas industriais estratéxicas para reforzar a competitividade económica da provincia
A vicepresidenta dos populares ourensáns, Marta Nóvoa, lembra que a iniciativa dá continuidade á emenda rexeitada polo PSOE no anterior pleno e reclama ao Goberno central avances na estación de mercadorías de San Cibrao, a A-76 e a mellora das estradas N-120 e N-540
O Grupo Provincial Popular levará ao vindeiro pleno da Deputación de Ourense unha moción para impulsar as infraestruturas estratéxicas e reforzar a captación de investimentos industriais na provincia, unha iniciativa que recolle medidas concretas dirixidas tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno de España co obxectivo de favorecer o desenvolvemento económico e a creación de emprego en Ourense.
A proposta será defendida despois de que o grupo socialista rexeitase no pasado pleno a emenda presentada polos populares á súa moción sobre equidade territorial nos proxectos industriais estratéxicos. Tal e como xa avanzara naquela sesión a vicepresidenta do PP de Ourense, Marta Nóvoa, o Partido Popular transformou aquela emenda nunha iniciativa propia para que poida ser debatida e votada pola corporación provincial.
“Xa o dixemos no anterior pleno: se non querían aceptar unha emenda construtiva e con propostas concretas, traeríamola como moción. Cumprimos a nosa palabra porque Ourense necesita feitos e non simples declaracións de intencións”, afirmou Marta Nóvoa.
A moción pon o foco na necesidade de seguir fortalecendo a competitividade industrial da provincia a través da ampliación e desenvolvemento de áreas empresariais estratéxicas como as de San Cibrao das Viñas, Xinzo de Limia, O Pereiro de Aguiar, Carballiño-Maside ou Paderne de Allariz, así como na promoción das potencialidades económicas de Ourense para atraer novos investimentos.
Neste sentido, o texto reclama á Xunta de Galicia que continúe priorizando as infraestruturas e o solo industrial da súa competencia e que, a través do Igape, intensifique a prospección de mercados nacionais e internacionais para captar proxectos empresariais que contribúan á xeración de emprego e riqueza na provincia.
A iniciativa tamén demanda ao Goberno central un maior compromiso coas infraestruturas pendentes de execución en Ourense, entre elas a estación de mercadorías do polígono de San Cibrao das Viñas, a renovación das conexións ferroviarias interiores, a autovía A-76 e a reparación integral das estradas N-120 e N-540.
“Non podemos permitir que Ourense siga acumulando promesas incumpridas en materia de infraestruturas. A competitividade das nosas empresas e a capacidade para atraer novos investimentos dependen tamén de contar cunhas comunicacións modernas, seguras e eficientes”, sinalou Nóvoa.
A vicepresidenta popular lembrou ademais que “fronte a quen pretende transmitir unha imaxe derrotista da provincia, o PP cre firmemente no potencial industrial de Ourense e traballa con propostas concretas para aproveitalo”. Destacou tamén que “o Partido Popular sempre estará ao carón da creación de industria e emprego, porque iso significa oportunidades para os nosos concellos e futuro para a nosa provincia”.
Con esta moción, o Grupo Provincial Popular busca que a Deputación exprese o seu apoio a unha estratexia baseada na mellora das infraestruturas, a dispoñibilidade de solo industrial competitivo e a captación de novos investimentos como piares fundamentais para o desenvolvemento económico da provincia.

