A Concellería de Educación do Concello de Ourense organizou esta mañá unha exhibición de danza contemporánea ao aire libre na praza da Escola Municipal de Música (a carón do Auditorio). A iniciativa, enmarcada nas actividades de fin de curso, reuniu 300 alumnos e alumnas de 6º curso de Educación Primaria e Secundaria de diferentes centros da cidade, que puideron gozar das catro coreografías finalistas do certame Sólodos en Danza.
Sólodos en Danza é un festival internacional de danza contemporánea e un concurso coreográfico Iberoamericano que promove o intercambio cultural entre continentes. Nesta edición, o público escolar tivo un papel activo, xa que as súas votacións serviron para elixir a proposta gañadora do Premio Xove.
A exhibición contou coa posta en escena de catro pezas:
- Principio de incertidumbre, interpretada por Marina Melero.
- Unarys, interpretada por Rocío Erpel e Adrián Martínez.
- A vergonza era verde e comeuna unha vaca, interpretada por Alicia López.
- Pack-back, interpretada por Marillsa Gaillichio coa asistencia de coreografía de Alessia Sinato. Esta peza foi finalmente a gañadora do Premio Xove.
A actuación continuou cundiálogo cos bailaríns e bailarinas. A creación de artistas novos adoita centrarse en aspectos biográficos, de aí que sexan propostas que encaixan e interesen aos escolares maiores de 10 anos. Isto permite relacionar os seus intereses persoais, propios da idade, coa danza e o movemento.

