• Silvia Junco denuncia as dificultades coas que se atopan moitos pontevedreses, especialmente as persoas maiores, para recibir atención presencial nas dependencias do Concello de Pontevedra
• O goberno do BNG continúa sen implementar ningunha das medidas recollidas no primeiro Plan Estratéxico para as Persoas Maiores, aprobado por unanimidade a proposta do PP
O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra reclamou este venres a ampliación dos horarios de atención con cita previa e a eliminación deste requisito para as persoas maiores de 65 anos que así o desexen en todas as dependencias municipais, co obxectivo de facilitar o acceso de toda a cidadanía á administración local.
Os populares, a través da concelleira Silvia Junco, solicitaron a adopción de medidas urxentes para mellorar a atención cidadá, tras denunciar as dificultades que “nos trasladan moitos pontevedreses, especialmente as persoas maiores, para recibir atención presencial” en todas as dependencias do Concello.
A edil do PP lembrou que o sistema de cita previa dixital foi implantado polo Concello de Pontevedra a finais de xullo de 2020, como consecuencia da pandemia da COVID-19, co fin de garantir a seguridade sanitaria e axilizar a atención ao público. Unha vez superada aquela situación excepcional, o Concello non volveu adaptar o servizo ás necesidades das persoas con menos competencias dixitais.
Actualmente, unicamente algúns trámites relacionados co Rexistro Xeral e o Padrón permiten unha atención máis accesible sen cita previa. Neste sentido, a concelleira popular defendeu que “é necesario que se volva a garantir a atención presencial nas instalacións municipais, reservando espazos e horarios que permitan aos funcionarios atender directamente a aquelas persoas que o necesiten, especialmente a quen non se senten capacitadas para utilizar ferramentas dixitais”.
“O Partido Popular de Pontevedra ten como prioridade que os nosos veciños sexan atendidos canto antes e cunha ampla cobertura horaria”, destacou Junco, antes de insistir en que as institucións deben asumir un papel activo para garantir unha atención “próxima e eficaz”.
Igualmente, criticou que o goberno local do BNG non implementase ata a data ningunha das medidas contempladas no primeiro Plan Estratéxico para as Persoas Maiores do Municipio, aprobado por unanimidade en novembro do 2025, tras a presentación dunha moción do PP.
Alén de flexibilizar a atención presencial, os populares propuxeron que tamén se impulsen programas específicos dirixidos á formación e dixitalización das persoas maiores do municipio: “Estas iniciativas son fundamentais para previr o illamento, promover un envellecemento activo e favorecer a autonomía deste colectivo”, destacou Junco.
“O Concello de Pontevedra, como administración máis próxima ao cidadán, non pode esperar máis para poñer en marcha medidas que permitan mellorar a atención aos veciños e afrontar os retos que expón a fenda dixital”, concluíu.

