O Conservatorio de Música da Guarda celebra o seu 40 aniversario co concerto de fin de curso

Redacción
  • O Auditorio de San Benito acollerá o vindeiro 18 de xuño unha cita especial para conmemorar catro décadas de historia musical

O vindeiro 18 de xuño, o Auditorio de San Benito acollerá o concerto de Fin de Curso do Conservatorio de Música da Guarda, unha actuación que dará comezo ás 20:00 horas e que este ano contará cun significado especialmente emotivo ao coincidir coa celebración do 40 aniversario do centro.  

O concerto converterase nunha ocasión moi especial para lembrar estas catro décadas de historia do conservatorio, un espazo fundamental para a formación musical de xeracións de guardeses e guardesas e un referente cultural dentro do municipio.

Ao longo destes 40 anos, centos de alumnos e alumnas pasaron polas aulas do conservatorio, acompañados polo labor e compromiso do profesorado e dos diferentes equipos directivos que contribuíron ao crecemento e consolidación do centro.    

A cita servirá así non só para poñer en valor o traballo desenvolvido durante todo o curso académico, senón tamén para render homenaxe a todas as persoas que formaron parte da historia do conservatorio ao longo destas catro décadas.     

Desde o Concello da Guarda animan á veciñanza a asistir a este concerto tan especial e a acompañar ao Conservatorio de Música da Guarda nunha celebración da importancia da música e da formación cultural no municipio.

Comparte este artigo