O concello da Guarda organiza un roteiro para identificar as Herbas de San Xoán

Redacción
  • A actividade, desenvolvida en colaboración con Biophilia Axencia Ambiental, terá lugar o vindeiro 23 de xuño

O Concello da Guarda, a través do departamento de Medio Ambiente, organiza en colaboración con Biophilia Axencia Ambiental o “Roteiro das Herbas de San Xoán”, unha actividade gratuíta destinada a dar a coñecer as especies vexetais tradicionalmente vinculadas á celebración da noite de San Xoán.       

A iniciativa celebrarase o martes 23 de xuño, de 17:00 a 19:00 horas, e consistirá nun percorrido guiado no que as persoas participantes aprenderán a identificar diferentes herbas empregadas historicamente nesta festividade, coñecendo as súas características, usos tradicionais e valor ecolóxico. Como parte da actividade, tamén se realizará a elaboración de pequenos ramiños coas especies recollidas de forma responsable.        

As persoas interesadas en participar deberán realizar inscrición previa a través do teléfono 986 610 000 ou do correo electrónico medioambiente@aguarda.es. O punto de encontro comunicarase unha vez formalizada a inscrición.    

Desde a organización recoméndase acudir con roupa cómoda, gorra e avituallamento axeitado para a realización do percorrido.    

O Concello da Guarda anima á veciñanza a sumarse a esta actividade, que ofrece unha oportunidade para coñecer mellor a riqueza botánica da contorna, compartir experiencias arredor das tradicións de San Xoán e gozar dunha xornada en contacto coa natureza.

Comparte este artigo