O BNG asegura que os tres anos de mandato do PP están marcados pola falta de transparencia, a ausencia de proxecto e unha política de escaparate baseada na propaganda
O BNG de Poio fai balance dos tres primeiros anos de mandato do goberno de Ángel Moldes, unha etapa que a súa portavoz, Marga Caldas, define como “o mandato do fume, das promesas baleiras e da propaganda permanente para ocultar a falta de xestión e de proxecto para Poio”. Para a portavoz nacionalista, o principal sinal de identidade do actual goberno municipal é a súa ‘política de escaparate’: “Fan pouco e venden moito. Dedican máis esforzos á propaganda que a resolver os problemas da veciñanza”, afirma.
Segundo Caldas, o Partido Popular presume constantemente de proxectos que non son seus. “Dos proxectos que anuncian, a maioría son herdados do anterior goberno. Limítanse a executar actuacións planificadas e impulsadas polo BNG. E nos poucos proxectos propios que puxeron en marcha demostraron unha preocupante incapacidade de xestión”, sinala.
A portavoz nacionalista denuncia tamén que estes tres anos estiveron marcados pola falta de transparencia, a ausencia de participación veciñal e o ocultismo político. “Estamos ante un goberno que esconde información, que evita dar explicacións e que toma decisións de costas á veciñanza”, asegura.
Como exemplo, o BNG cita a nave de Valoriza, sobre a que o goberno local “segue sen dicir toda a verdade sobre a súa localización e as súas consecuencias”, ou a situación da canteira da Graña, que se está a converter nun vertedoiro en lugar da futura localización do centro de saúde que propoñía o anterior goberno nacionalista. Para Caldas a parálise do centro de saúde é un dos grandes fracasos do goberno popular. “En tres anos non realizaron nin unha soa xestión para que o proxecto avance. A única realidade é que os terreos existen porque foron conseguidos durante un goberno do BNG”, lembrou.
Para a formación nacionalista, esta falta de compromiso está bloqueando o futuro de Campelo e da parroquia de San Xoán, ademais de comprometer a atención sanitaria de toda a veciñanza de Poio. “Se os terreos estiveran destinados a un supermercado ou a unha promoción privada seguramente xa estarían edificados. O problema é que estamos falando dun servizo público esencial e iso non entra nas prioridades deste goberno”, afirmou Caldas.
O BNG tamén puxo como exemplo da incapacidade de planificación do goberno municipal a execución das obras da PO-308. “A ausencia dun plan de tráfico, a falta de previsión e a improvisación permanente están xerando un enorme prexuízo para as veciñas e veciños, comerciantes e persoas usuarias. A veciñanza está desesperada e o Concello limitouse a mirar para outro lado”, denunciou.
No ámbito económico, as nacionalistas consideran que o PP desmontou completamente o seu propio discurso. “Chegaron prometendo saneamento económico e unha mellor xestión. Tres anos despois acumulan un récord histórico con catro préstamos en apenas tres anos”, criticou Caldas. A portavoz lembrou tamén os continuos reparos de Intervención, os atrasos nos pagos a provedores e a utilización do recibo da auga para aplicar o que cualificou como “un auténtico ‘sablazo’ encuberto á veciñanza”.
No caso da folga do lixo, o BNG acusa ao goberno municipal de actuar con total pasividade fronte aos incumprimentos da concesionaria. “Houbo compadreo con Valoriza e cero sancións mentres a veciñanza sufría as consecuencias dun servizo deficiente”, afirmou. Agora, subliña, todo apunta que o conflito laboral vai levar a unha folga no San Xoán, sen que o goberno do PP pareza mover nin un pé. Para Marga Caldas, o máis preocupante da falta de xestión e dos escasos resultados é que o alcalde nunca asume responsabilidades. “Cando algo sae mal, a culpa sempre é dos demais. Cando algo funciona, apropia-se do traballo realizado por outros. É incapaz de asumir os seus erros”.
A portavoz tamén criticou a aposta do goberno municipal por unha política baseada nos eventos e nas celebracións. “Organizan actos continuamente para non falar do importante: do abandono dos espazos públicos, da falta de proxectos estratéxicos e da ausencia dun modelo de futuro para Poio”. “O Poio do que presume Ángel Moldes non é unha creación súa. O Poio que vai a Fitur, o Poio que é referencia turística e do que todos nos sentimos orgullosos é o resultado dun traballo de moitos anos, impulsado fundamentalmente polos gobernos do BNG”, afirmou.
Por último, Caldas concluíu que “estes tres anos demostran que estamos ante un goberno sen proxecto, sen transparencia e sen capacidade de xestión. Un goberno de propaganda e de titulares que intenta vender unha realidade que non existe mentres os problemas reais de Poio continúan sen resolverse. Dicirlle á xente que levan executado o 90% do seu programa é de traca: ou pouco propoñían ou non entenden o que significa xestionar para mellorar a vida da xente”.

