· Dúas opcións significa que “en Viana hai ganas de traballar polo PP e polo municipio”, afirmou Luis Menor, quen puxo en valor as invitacións explícitas á unidade que fixeron ambos candidatos nun “congreso exemplar”
· Martínez subliñou que comeza unha etapa “onde todos suman e todos son necesarios”, anunciando que deixa aberta a composición do equipo da agrupación local para que se incorporen a un proxecto único todas as persoas da outra candidatura que así o desexen
O presidente provincial do PP, Luis Menor, pediu a Marcos Martínez, novo presidente dos populares de Viana do Bolo “remar xuntos coa mesma forza e convicción” para gobernar coa confianza “maioritaria e rotunda” da veciñanza. Na clausura do congreso local do partido, ao que se presentaron dúas candidaturas, a segunda encabezada por Carmen Conde, o líder do PP ourensán lanzou unha chamada á unidade para “centrar toda a nosa enerxía no noso único obxectivo, a nosa única meta e responsabilidade colectiva: as eleccións municipais de 2027”.
Dúas opcións significa que “en Viana hai ganas de traballar polo PP e polo municipio”, afirmou Luis Menor, quen puxo en valor as invitacións explícitas á unidade que fixeron ambos candidatos nun “congreso exemplar”.
O presidente provincial puxo deberes aos tamén concelleiros. A Marcos Martínez, como novo presidente local, lembroulle que, como proxecto gañador, “ten a obriga de ser xeneroso coa outra opción”. A Carmen Conde pediulle tamén xenerosidade “co ofrecemento de unidade”.
Tras este congreso, advertiu Menor, “só hai un único proxecto: o Partido Popular de Viana do Bolo, onde o reto maiúsculo é conseguir de novo a alcaldía, logo de que o PSOE e BNG aliáranse para arrebatarlle o goberno ao PP mediante unha moción de censura en setembro do pasado ano.
Ambos partidos, criticou o presidente do PP de Ourense, “dedicáronse a facer unha oposición destrutiva, de puro desgaste”, para agora manter unha coalición de intereses que paraliza o municipio: “Iso non é gobernar: é sobrevivir a costa do futuro de Viana do Bolo”. Nesta liña reclamou unha vitoria rotunda nas municipais do próximo ano e facer fronte así a unha oposición destrutiva: “Só con maiorías absolutas sólidas poderemos executar os nosos proxectos con liberdade e con eficacia”.
MARCOS MARTÍNEZ: “UNHA NOVA ETAPA ONDE TODOS SUMAN E TODOS SON NECESARIOS”
Na súa intervención xa como presidente local, Marcos Martínez expresou o seu agradecemento pola confianza da militancia, afirmando que non chega para ocupar un cargo, “senón que asumo unha responsabilidade”.
A partir deste momento, dixo, toca “traballar máis, escoitar máis e estar máis preto dos afiliados, simpatizantes e veciños”. Para o novo presidente do PP de Viana do Bolo, quedan xa atrás as candidaturas e agora toca poñer o foco no verdadeiramente importante: fortalecer o partido, ampliar a base e conseguir a confianza maioritaria da veciñanza de Viana nas eleccións.
Martínez subliñou que comeza unha etapa de unidade “onde todos suman e todos son necesarios”, anunciando que deixa aberta a composición do equipo da agrupación local para que se incorporen a un proxecto único todas as persoas da outra candidatura que así o desexen.

