O concello da Guarda acolle a conferencia de Pablo Novoa Álvarez sobre as súas viaxes arqueolóxicas pro catro continentes

Redacción
  • O investigador presentará tamén o seu libro “Kuayu. Tras las huellas del pasado” nun encontro aberto ao público na Casa do Concello o 17 de xuño

A Guarda, 15 de xuño de 2026 –  O 17 de xuño, ás 20:00 horas, a Casa do Concello da Guarda acollerá a conferencia “Viaxes anecdóticos e arqueolóxicos por catro continentes”, impartida polo investigador e viaxeiro Pablo Novoa Álvarez, quen aproveitará a ocasión para presentar o seu libro “Kuayu. Tras las huellas del pasado”.   

Ao longo da súa traxectoria, Pablo Novoa percorreu máis de cincuenta países de catro continentes na procura de vestixios e evidencias que axuden a comprender mellor o pasado da humanidade. A través desta conferencia, o autor compartirá experiencias persoais e descubrimentos realizados en diversos lugares do mundo, desde os desertos do norte de África ata as selvas amazónicas, pasando por Europa, Asia Menor, a Polinesia ou o altiplano andino.

A charla abordará algúns dos xacementos e manifestacións arqueolóxicas máis singulares que o investigador estudou ao longo dos anos, así como diferentes interrogantes relacionados coa súa cronoloxía, a súa autoría e o seu significado. Entre outros temas, fará referencia a petróglifos, pinturas rupestres, estruturas megalíticas, monólitos, agroglifos e outras pegadas do pasado que continúan suscitando debate e novas liñas de investigación.

Ademais, Pablo Novoa presentará o seu libro “Kuayu. Tras las huellas del pasado”, unha obra na que recompila parte das súas investigacións, reflexións e experiencias adquiridas durante décadas de viaxes e estudos arqueolóxicos arredor do mundo. 

Dende o Concello da Guarda convidan á veciñanza e ás persoas interesadas na historia, a arqueoloxía e as culturas antigas a asistir a esta actividade de carácter divulgativo, que ofrecerá unha visión ampla sobre algúns dos grandes enigmas do pasado humano.

Comparte este artigo