A Guarda celebra a XXXIV Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira cunha programación para todos os públicos

Redacción
  • Do 3 ao 5 de xullo, o porto converterase nun gran espazo gastronómico e cultural con produtos do mar, música e actividades para todas as idades

A Guarda acollerá do 3 ao 5 de xullo de 2026 unha das citas destacadas do calendario festivo: a XXXIV Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, un evento xa consolidado como referente gastronómico e turístico de Galicia.

Organizada polo Concello da Guarda, a festa volverá poñer en valor a extraordinaria riqueza mariñeira, cunha proposta culinaria ampla e diversa na que a langosta é a gran protagonista, pero non a única estrela. A carpa de degustación ofrecerá diversos produtos do mar, cunha proposta para todos os públicos e todos os padais, dende mariscos de primeira calidade ata pratos tradicionais e receitas populares.

Entre as propostas gastronómicas destacarán a langosta enteira, percebe, nécora, camaróns, cigalas, berberechos, navallas ou zamburiñas, ademais de elaboracións como empanadas, polbo á feira, mexillóns en distintas preparacións, paella mariñeira ou receitas máis creativas como as brochetas de langostino con rape e verduras. Non faltarán tampouco doces típicos como a rosca de xema, filloas recheas ou tartas tradicionais.

A programación desta 34ª edición conta cun potente apartado musical e cultural que aposta pola diversidade de estilos e públicos. Haberá pasarrúas, rondalla, grupos tradicionais, propostas contemporáneas e concertos para todos os gustos, dende o blues en galego ata o pop-rock nacional, pasando pola música tradicional galega e actuacións familiares.

O venres 3 de xullo:

  • 11:30 horas – Pasarrúas a cargo do grupo tradicional da Terceira Idade.
  • 12:00 horas – Apertura da carpa.
  • 20:30 horas – Inauguración oficial da XXXIV Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira no exterior da carpa no porto coa intervención do Alcalde da Guarda. De seguido, lectura do pregón a cargo de Tonhito de Poi, cantante e compositor galego, coñecido por ser membro fundador de Heredeiros da Crus e destaca como comunicador polo seu carisma. Ademais, entregarase tamén a Langosta de Honra 2026.
  • 23:00 horas – Concerto de Tonhito de Poi e Os Inconmensurables.
  • 00:30 horas – Peche da carpa.

O sábado 4 de xullo:

  • 10:30 horas – Pasarrúas a cargo do Trebón dos Xidos.
  • 11:00 horas –  Apertura da carpa.
  • 20:30 horas – Actuación da Rondalla de CRC Torroso (Mos) con máis de 100 integrantes que realizarán o pasarrúas polo porto e actuarán diante da carpa.
  • 23:00 horas – Concerto do Grupo Eh Sabina!, tributo a Joaquín Sabina.
  • 00:30 horas – Peche da carpa.

O domingo 5 de xullo:

  • 10:30 horas – Pasarrúas a cargo do grupo tradicional A Boalleira.
  • 11:00 horas – Apertura da carpa.
  • 20:00 horas – Concerto familiar con Uxía Lambona e a banda molona.
  • 23:00 horas – Peche da carpa.

Ademais das actuacións musicais que animarán as tres xornadas, os asistentes poderán participar noutras actividades vinculadas ao mar e á identidade mariñeira da vila, entre elas as saídas a bordo do volanteiro Piueiro, unha oportunidade única para achegarse ao patrimonio marítimo da Guarda.

Así mesmo, durante a fin de semana, no paseo marítimo poderán contemplar a exposición ao aire libre “José Suárez, vida e obra”, considerado un dos referentes da fotografía galega e española do século XX; ou participar nas visitas guiadas ao Castro de Santa Trega.

Con esta nova edición, o Concello da Guarda reafirma a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira como unha celebración aberta, participativa e interxeracional, que combina tradición, innovación culinaria e cultura para ofrecer unha experiencia completa ao visitante e poñer en valor o mellor do litoral galego.

Comparte este artigo