Tomiño, referente da rede Cidades que Camiñan na recuperación do espazo público en vilas de tamaño medio

Redacción

Unha delegación desprazouse ata o concello para coñecer en primeira persoa a estratexia de intervención urbana e rural desenvolvida ao longo de case dúas décadas

Tomiño convértese en referente da recuperación do espazo público para as persoas en vilas de tamaño medio. O Concello recibiu a primeira visita de campo dunha delegación cunha trintena de integrantes da rede Cidades que Camiñan, un encontro que busca coñecer de primeira man modelos que funcionan e no que destacou a estratexia levada a cabo por Tomiño durante as dúas últimas décadas. Unha visita que pon en valor que nos concellos do rural e con menos densidade urbana tamén se poden levar a cabo intervencións no espazo público que resultan transformadoras, replicables e referentes para outros territorios.

A xornada arrancou cunha recepción institucional na Casa do Concello, onde a alcaldesa, Sandra González, deu a benvida á delegación visitante. A continuación, o concelleiro de Planificación Estratéxica, Territorial e Económica Uxío Benítez ofreceu unha charla sobre a estratexia de intervención desenvolvida, un relato de case vinte anos de traballo continuo que transformou radicalmente a relación da veciñanza coa súa contorna.

Pero o verdadeiro aula foi a rúa. A delegación percorreu a pé o núcleo urbano do Seixo e visitou as intervencións realizadas nos núcleos rurais de Estás e Figueiró, para rematar cun paseo polo núcleo urbano de Goián. Un itinerario que permitiu comprobar en directo a todas e todos os visitantes como Tomiño recuperou ese espazo público para as persoas.

A alcaldesa, Sandra González, amosou a súa satisfacción pola visita, porque “que a rede Cidades que Camiñan escolla Tomiño para a súa primeira visita de estudos é un recoñecemento ao traballo de moitos anos e de moita xente. Estamos orgullosos e orgullosas do que construímos e de que sirva de inspiración para outros municipios. O de Tomiño non é un modelo pechado, é un proceso vivo do que seguimos aprendendo cada día”.

A visita consolida a Tomiño como referente no ámbito do urbanismo cidadán e da recuperación do espazo público a escala municipal, e abre a porta a futuros intercambios e colaboracións no seo da rede Cidades que Camiñan, unha asociación internacional composta por case un cento de cidades, catro deputacións e máis de 16 millóns de habitantes que busca que as e os viandantes sexan os máximos protagonistas da mobilidade urbana e do espazo público.

Comparte este artigo