Durante os próximos nove meses executarán a senda fluvial dende a ponte internacional até o límite co termo municipal de Tomiño
Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e Traballos de carpintería e moble son as dúas especialidades nas que van formar vinte persoas no obradoiro dual de emprego “Senda Río Miño: Tramo San Martiño” que foi presentado este mediodía.
Durante nove meses terán a oportunidade de formarse e traballar en dúas profesións que contan con gran demanda laboral. Así o destacaron hoxe o alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, na benvida ao alumnado e ao equipo directivo que tivo lugar no salón de sesións. Ambos felicitaron ás vinte persoas, dez por especialidade, que van participar no proxecto que está cofinanciado polo Concello e pola Xunta de Galicia, e no que mellorarán a súa empregabilidade.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, explicou na súa intervención que obradoiro dará continuidade a senda fluvial do Miño, co que ao seu remate poderase camiñar á beira do Miño dende a parroquia de Caldelas até a de Areas. Aludiu precisamente ao traballo realizado por anteriores obradoiros de emprego para recuperar espazos naturais coma a senda cara Caldelas do río Furnia. “Para nós as sendas son unha prioridade, xa que tratamos de recuperar os espazos naturais para que sexan coñecidos, valorados e, en consecuencia, respectados”. Engadía que estas sendas melloran a mobilidade entre o centro urbano e as parroquias a través de espazos naturais.
Pola súa banda a concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, salientou coma tras esta formación ao alumnado ábreselle unha saída profesional moi interesante. Referiu tamén a concelleira coma amais desta formación ao remate do obradoiro o alumnado terá “a satisfacción de ser parte da realización dun proxecto que será un orgullo colectivo”.

