Vinte persoas comezan en Ponteareas o Obradoiro Dual de Emprego “Val do Tea II”, que combina formación e traballo durante nove meses

Redacción

O programa permitirá formar alumnado traballador nas especialidades de carpintería, albanelería, xardinería e forestal, desenvolvendo actuacións de mellora para o municipio

O Concello de Ponteareas deu a benvida esta mañá ás 20 persoas participantes no Obradoiro Dual de Emprego “Val do Tea II”, un programa que combina formación teórica e práctica remunerada e que se desenvolverá durante os próximos nove meses no Centro de Desenvolvemento Local (CDL).

No acto de inauguración participaron a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro; a concelleira de Emprego, Silvia Fernández Táboas; a titora do obradoiro, Nuria Carrera; o director do obradoiro, Luis Miguel Galván; e o docente de carpintería, Francisco J Porto Sebastián, que recibiron ao alumnado traballador e ao equipo técnico encargado de desenvolver o programa.

Este obradoiro permitirá a formación e contratación de vinte alumnos e alumnas traballadoras distribuídas en dúas áreas profesionais con alta demanda laboral. Dez persoas formaranse na área agraria nas especialidades de “Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería” e “Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes”. As outras dez recibirán formación na área de carpintería e albanelería a través das especialidades de “Traballos de carpintería e moble”, “Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización” e “Operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas”.

Durante a súa intervención, a concelleira de Emprego destacou que este programa representa “unha oportunidade real para adquirir cualificación profesional, experiencia laboral e novas ferramentas para acceder ao mercado de traballo”. Silvia Fernández subliñou ademais o valor engadido deste modelo formativo, que permite aprender e traballar ao mesmo tempo mentres se realizan actuacións que repercuten directamente na mellora do municipio.

“Este tipo de programas permiten combinar formación e traballo, o que repercute tamén na mellora de espazos públicos, na recuperación de patrimonio e na prestación de servizos de utilidade para o conxunto da cidadanía”, sinalou a edil.

Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro destacou a importancia de seguir apostando por iniciativas que xeran oportunidades laborais e melloran a empregabilidade da veciñanza. “A consecución dun novo obradoiro dual de emprego é unha magnífica noticia para Ponteareas. Supón unha oportunidade directa para mellorar a empregabilidade da nosa veciñanza, ofrecendo formación práctica e cualificada en sectores con demanda real como a carpintería, a albanelería ou a xardinería e forestal”, afirmou.

A rexedora destacou tamén o impacto social do programa, xa que o alumnado desenvolverá durante os próximos meses actuacións que contribuirán á mellora de infraestruturas públicas, equipamentos municipais e espazos naturais do municipio.

Entre os traballos previstos figuran actuacións de conservación ambiental, prevención de incendios, mellora forestal, posta en valor de espazos naturais con potencial turístico, creación e mantemento de zonas verdes, plantación de arborado e mellora dos sistemas de rego. Na área de carpintería e albanelería realizaranse actuacións orientadas á mellora da funcionalidade e conservación de diferentes infraestruturas e equipamentos municipais.

Desde o Concello destacan que este tipo de iniciativas constitúen unha ferramenta fundamental para promover o emprego, favorecer a formación práctica e contribuír ao desenvolvemento económico e social de Ponteareas, ao tempo que se executan actuacións de utilidade pública que benefician ao conxunto da veciñanza.

Comparte este artigo