Ponteareas celebra este xoves a gran Final de Cociña de Talento Xove cos chefs Iñaki Bretal e Pepe Vieira como convidados especiais

Redacción

Once finalistas competirán nas categorías infantil e xuvenil nunha tarde que incluirá tamén a entrega de premios das distintas disciplinas do programa e un obradoiro de cociña aberto á mocidade

O programa Talento Xove 2026 afronta esta semana unha das súas citas máis esperadas coa celebración da Final de Cociña, que terá lugar este xoves 18 de xuño a partir das 17:00 horas nas instalacións de Mercatea.

A competición reunirá a un total de once finalistas repartidos en dúas categorías. Na categoría xuvenil, destinada a participantes a partir dos 16 anos, competirán cinco mozos e mozas, mentres que na categoría infantil, dirixida a rapaces e rapazas de entre 6 e 15 anos, participarán seis finalistas.

A xornada comezará coa competición da categoría xuvenil. Cada participante disporá de 15 minutos para realizar o emplatado de catro pratos ante o xurado, que poderá observar en directo todo o proceso e formular preguntas para coñecer mellor tanto a elaboración como os coñecementos culinarios dos concursantes.

A continuación será a quenda da categoría infantil. Neste caso, os participantes presentarán os seus pratos xa preparados e deberán defender as súas creacións respondendo ás preguntas do xurado.

Unha vez rematadas ambas competicións, os membros do xurado retiraranse para deliberar e seleccionar ás persoas gañadoras de cada categoría.

Mentres se realiza a valoración, celebrarase a entrega de premios de diferentes modalidades que formaron parte de Talento Xove 2026, recoñecendo o talento e a creatividade da mocidade participante nas categorías de artes plásticas, arte urbana, fotografía, deseño de xoias, moda e cociña.

A tarde contará ademais cuns convidados de excepción, os recoñecidos chefs Iñaki Bretal e Pepe Vieira que acompañará aos participantes e ao público nesta gran final.

Paralelamente, Mercatea acollerá tamén un Obradoiro de Cociña aberto a mozos e mozas menores de 30 anos. A actividade permitirá ás persoas asistentes aprender novas técnicas, elaborar pratos sorprendentes e compartir unha experiencia gastronómica divertida e participativa.

O concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, destaca que “esta final reflicte perfectamente o espírito de Talento Xove: crear oportunidades para que a mocidade poida desenvolver as súas capacidades, compartir as súas paixóns e demostrar todo o talento que existe en Ponteareas. Ademais, contar cun profesional como Iñaki Bretal supón un incentivo e unha experiencia única para os participantes”.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destaca que “a final de cociña é unha das citas máis especiais de Talento Xove porque permite visibilizar o talento, a creatividade e o esforzo de mozos e mozas que atopan na gastronomía unha forma de expresión e unha posible saída profesional. Talento Xove é moito máis ca un concurso. É un programa que ofrece espazos para crear, aprender, compartir e medrar en disciplinas moi diversas, desde a música ata a fotografía, a moda, as artes plásticas ou a cociña. O noso obxectivo é seguir xerando oportunidades para que os mozos e mozas de Ponteareas poidan desenvolver as súas capacidades e amosar todo o seu talento á sociedade”.

Comparte este artigo