Deputados do PP de Ourense e León denuncian que, a piques de vencer o primeiro semestre de 2026, o Goberno elude comprometer unha data certa de licitación das obras do primeiro tramo da autovía A-76

Redacción

• “A piques de vencer o primeiro semestre de 2026 e despois de tantas demoras non é xustificable un novo atraso. Urxe ver xa publicada no BOE a licitación destas ansiadas obras” sinala o deputado Celso Delgado


• Constatan que os ourensáns e leoneses, bercianos e valdeorreses están fartos de escusas e falsas promesas sobre a autovía Ourense-Ponferrada

O pasado 6 de maio de 2026, os deputados ourensáns do PP, Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana e as deputadas leonesas Ester Muñoz e Silvia Franco rexistraron no Congreso esta pregunta dirixida ao Gobierno:

“O BOE do 16 de abril de 2026 incluíu o Anuncio da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia polo que se publica a Resolución do Ministerio de Transportes e Movilidad Sostenible (MITMS) pola que se aprobaba o expediente de Información Pública e definitivamente o proxecto de construción: Autovía A-76 Ponferrada- Ourense. Tramo: Villamartín da Abadía – Requejo. Provincia de #León. Daquela o BOE do 23 de abril publicou unha corrección de erros do citado anuncio.

Despois deste trámite de aprobación definitiva do proxecto de construción, que chegou cun monumental atraso, seguimos á espera da licitación das obras que debería ter lugar o máis axiña posible e en todo caso entre xuño e setembro de 2026.

Unha licitación de obras esperadísima, que o Goberno non parou de dilatar. Lembramos que o 3 de febreiro de 2023, o entón secretario xeral de Infraestruturas, Xavier Flores en nota oficial dicía: “O Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana traballa para licitar este ano as obras do primeiro tramo da A-76, entre Villamartín da Abadía e Requejo (#León), cun orzamento de 126 millóns de euros (IVE incluído)”

E que o 30 de decembro de 2023 o titular do Ministerio de Transportes e Movilidad Sostenible, Óscar Puente tras visitar as obras de reconstrución do viaduto do Castro, e na nota de prensa engadiu: “Así, anunciou que a finais de 2024 poderanse licitar as obras do primeiro tramo da A-76 entre Villamartín da Abadía e Requejo”.

E que o 16 outubro de 2025. Óscar Puente, reuniuse na sede do Ministerio, asistido polo secretario de Estado de Transportes e Movilidad Sostenible, José Antonio Santano, co presidente da Deputación de #León. Ao finalizar esa reunión difundiuse desde a Deputación unha nota que entre outras cousas dicía: “Sobre a A-76, o ministro apuntou que o primeiro tramo entre Villamartín da Abadía e Requejo, cifrado en 126 millóns de euros, licitarase antes de final de ano”.

Todos estes compromisos oficiais foron flagrantemente incumpridos de modo que o escepticismo dos veciños de Valdeorras e do Bierzo sobre unha rápida licitación de obras por parte do MITMS é moi grande. Esiximos certezas e por iso preguntamos:

Que data de 2026 compromete o Ministerio de Transportes e Movilidad Sostenible para licitar as obras da Autovía A-76 Ponferrada – Ourense, Tramo: Villamartín da Abadía -Requejo?

O 11 de xuño de 2026 chegou a resposta do Congreso: “En relación co asunto interesado, sinálase que a licitación das obras do tramo Villamartín da Abadía-Requejo da Autovía A-76 Ponferrada-Ourense atópase entre as prioridades de actuación do Ministerio de Transportes e Movilidad Sostenible, de acordo coa planificación vixente e as dispoñibilidades orzamentarias”.

Valoración

Unha vez máis o Goberno de Pedro Sánchez elude comprometer unha data concreta de licitación das obras. A pregunta formulada polos deputados populares era moi explícita e a resposta é elusiva, refuxiándose en utilizar referénciaa xeneral de que “se atopa entre as prioridades de actuación do Ministerio de Transportes e Movilidad Sostenible” e condicionada por “dispoñibilidades orzamentarias”. É o mesmo que nos dixeron en 2023 e en 2025 e os incumprimentos foron flagrantes.

A presente Lexislatura está ameazada polos enormes escándalos de corrupción do Gobierno e do PSOE, pola falta de maioría parlamentaria e pola carencia duns orzamentos xerais do Estado. Neste contexto a disolución anticipada das Cortes Xerais é unha hipótese máis que probable e de ocorrer, afectaría sen dúbida as capacidades gobernamentais de licitación de obras.

A piques de vencer o primeiro semestre de 2026 e despois de tantas demoras non é xustificable un novo atraso. Os ourensáns e leoneses, bercianos e valdeorreses estamos fartos de escusas e falsas promesas. Urxe ver xa publicada no BOE a licitación destas ansiadas obras.

Comparte este artigo