As subtraccións afectan a varios puntos das parroquias e deixan sen servizo de iluminación diferentes tramos viarios
O Concello de Ponteareas vén de detectar unha nova vaga de roubos de cable de cobre pertencente á rede de alumeado público municipal, uns feitos que afectan a distintos puntos do municipio e que supoñen un importante prexuízo para a veciñanza ao deixar sen servizo unha infraestrutura básica para a seguridade e a mobilidade.
Nesta ocasión, as subtraccións producíronse en varios tramos da parroquia de Prado, concretamente dende o cruce que conduce a Pontacóns ata o cruce da Casa Cultural das Cachadas, así como na subida ao centro de saúde pola zona dos Plataneiros. Tamén se rexistraron roubos en dous tramos da zona da Fonte Vermun e na parroquia de San Roque, entre O Rato e o cruce do Parrulo.
A concelleira de Infraestruturas Xerais, Raquel Bautista, lamenta que “nos atopemos novamente ante uns feitos que afectan directamente á calidade de vida da veciñanza e ao correcto funcionamento dun servizo público esencial. O alumeado público é fundamental para garantir a seguridade das persoas, especialmente nas parroquias e nos desprazamentos nocturnos”.
O Concello lembra que esta problemática non é nova. Xa en maio de 2024 se presentaran as primeiras denuncias pola subtracción de cable eléctrico da rede pública en diferentes parroquias do municipio, producíndose en abril do 2025 novos episodios que tamén afectaron ao alumeado público e incluso a infraestruturas tan sensibles como a estación depuradora municipal.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, fai un chamamento á colaboración cidadá para intentar esclarecer estes feitos. “Pedimos á veciñanza que permaneza alerta e que comunique á Policía Local ou á Garda Civil calquera movemento sospeitoso ou información que poida resultar de utilidade para identificar ás persoas responsables. Estamos a falar de actuacións que prexudican directamente aos veciños e veciñas e que afectan a servizos básicos que son de todos”.
O Goberno municipal lembra ademais que tanto os operarios municipais como as empresas autorizadas que realizan traballos sobre as instalacións eléctricas están perfectamente identificados mediante vehículos serigrafados ou roupa de traballo. Por este motivo, recoméndase avisar inmediatamente ás forzas de seguridade no caso de observar persoas manipulando cableado ou instalacións sen a debida identificación.
O Concello xa puxo os feitos en coñecemento das autoridades competentes e colaborará en todo momento coas investigacións abertas para tratar de identificar aos responsables e evitar que se repitan novos episodios deste tipo.

