– As actividades realizaranse ao longo do mes de xullo con disciplinas como intelixencia artificial, iniciación a DJ, edición audiovisual, pintura mural ou artesanía en coiro. O programa é gratuíto e está dirixido a maiores de 12 anos.
– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que a iniciativa “busca potenciar o talento, a creatividade e o manexo de novas ferramentas tecnolóxicas entre a nosa mocidade”.
O Concello de Redondela pon en marcha o programa ‘Lab Xove Redondela’, unha alternativa de lecer educativa, creativa e tecnolóxica deseñada para a mocidade do municipio durante as vacacións de verán. O proxecto desenvolverase ao longo do vindeiro mes de xullo en horario de mañá, de 10:00 a 13:00 horas. O programa está dirixido a mozos e mozas maiores de 12 anos que queiran explorar novas habilidades artísticas e dixitais. O espazo principal das actividades será o Multiúsos da Xunqueira, aínda que tamén se contemplan outras localizacións.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinalou que con esta nova programación “ofrecemos un programa alternativo gratuíto, dinámico e moderno onde a mocidade redondelá pode espertar novas vocacións, aprender divertíndose e compartir experiencias”. Rivas incidiu en que “hoxe en día é fundamental que as administracións locais acheguemos ferramentas clave como a Intelixencia Artificial ou a comunicación dixital, sen esquecer nunca a expresión artística directa a través da música, a artesanía ou a pintura”.
A oferta formativa estrutúrase por días da semana cunha ampla variedade de temáticas:
- Luns: Percusión corporal e Iniciación a DJ.
- Martes: Artesanía en coiro.
- Mércores: Edición de vídeo e foto.
- Xoves: Ferramentas de Intelixencia Artificial (IA).
- Venres: Pintura mural e Comunicación dixital.
Inscricións e limitación de prazas
O prazo para apuntarse a estes cursos abre o venres 19 de xuño. A adxudicación de prazas realizarase por orde de rexistro ata completar o aforo dispoñible. Co obxectivo de garantir a calidade didáctica de cada obradoiro, os grupos serán reducidos: estableceuse un máximo de 15 persoas e un mínimo de 7 persoas por curso. As solicitudes de inscrición tramitaranse a través das canles habituais habilitadas polo Concello de Redondela.

