A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 20 acordos na súa sesión ordinaria desta semana, que se desenvolveu a mediodía de hoxe no salón de plenos.
Licenzas (6): Concedeu as licenzas para reformar o portal e modernizar o ascensor dun edificio na rúa Roi Páez, para adaptar un baixo a vivenda na rúa da Chavasqueira, para segregar un inmoble na rúa Do Baño e para instalar un ascensor nun edificio na Praza 500. Tamén autorizou unha prórroga para rematar a reforma dun galpón na Cortiña da Aira, Cudeiro e denegou outra, para iniciar as obras de rehabilitación dunha vivenda unifamiliar na rúa Santa Mariña
Disciplina (1): Tratou o expediente de disciplina urbanística dun inmoble declarado en ruína económica na rúa Sáenz Díez.
Contratación (1): Aprobou a rectificación dun erro material detectado nun acordo dunha sesión anterior.
Asuntos Sociais (3): Convalidou a omisión da función interventora en 3 expedientes.
Avogacía consistorial (8): Deu conta de 3 sentenzas do Tribunal de Instancia de Vigo (Sección do Contencioso-Administrativo, Praza número 1) e 4 do de Ourense (tres da Praza número 1 e outra da número 2). Ademais, o Concello deberá comparecer diante do tribunal de instancia de Ourense (Praza número 2) nun procedemento ordinario.
Fóra da orde do día aprobou a convalidación dun acordo dunha sesión anterior.

