Vilaboa, epicentro das mascaradas tradicionais co VIII Encontro de Entroidos

Redacción

Esta nova edición reúne tradicións centenarias de Galicia, Cantabria e Portugal

Vilaboa volverá ser este 27 de xuño o punto de encontro das grandes tradicións do Entroido, nunha edición que consolida ao municipio como referente na defensa e difusión das mascaradas máis emblemáticas da península. O VIII Encontro de Entroido de Vilaboa, organizado pola Asociación Cultural Cobres, reunirá en Riomaior durante toda a xornada a grupos chegados de Galicia, Cantabria e Portugal, nunha celebración que combina identidade, patrimonio e festa popular.

A actividade comezará ao mediodía, ás 13:00 horas, cun Vermú de Entroidos no Chiringo O Camarón Delián, onde se presentarán os grupos convidados e se ofrecerá un obradoiro de baile a cargo da Asociación Cultural Cobres. Será o primeiro momento de convivencia entre participantes e público, nun ambiente distendido que anticipa a intensidade cultural da tarde.

A apertura oficial do encontro terá lugar ás 18:15 horas, conducida por Marci Varela e coa intervención do presidente da Asociación Cultural Cobres, Martín Duarte, e do alcalde de Vilaboa, César Poza. A partir dese momento, o recinto converterase nun escenario vivo no que desfilarán e actuarán as principais figuras do Entroido tradicional: Madamas e Galáns e Veteranas do Entroido de Cobres, anfitrións da xornada, compartirán protagonismo cos Currumiños de Mos, o Entroido de Augasantas, os Merdeiros de Vigo, o Entroido de Samede, os Xenerais da Ulla, as Madamas e Danzantes de Salcedo e a mascarada convidada do Oso de Salcedo. Xunto a eles, chegarán tamén representacións doutras zonas da península, como o Andruido en La Paré de Piasca desde Cantabria, as Pantallas de Xinzo, os Fulións e Boteiros de Viana do Bolo, o emblemático Jarramplas de Piornal e os Caretos de Lazarim, unha das tradicións máis recoñecidas do norte de Portugal. Un mosaico cultural que permite percorrer, nun só día, a diversidade e a forza das tradicións de inverno.

Durante toda a tarde haberá postos de artesanía e merchandising, ademais de comida e bebida á disposición do público asistente, mentres a animación infantil correrá a cargo de Animar-T entre as 18:30 e as 21:00 horas. A xornada culminará coa Noite de Encontros, un espazo musical que reunirá sobre o escenario a Festicultores, The Tetas’ Van, DJ Gabryd e Yaya DJ, prolongando a celebración ata a noite e pechando unha edición que aspira a ser das máis participadas dos últimos anos.

O Concello de Vilaboa destaca que este encontro “é unha aposta decidida pola preservación do noso patrimonio inmaterial e pola posta en valor das tradicións que nos identifican como pobo”, e anima á veciñanza e visitantes a gozar dunha xornada única, na que a cultura popular se converte en festa compartida.

Comparte este artigo