Nace Avante Ourense, un espazo aberto para construír unha alternativa progresista para a cidade

Redacción

Un grupo de persoas procedentes de diferentes ámbitos sociais, veciñais, sindicais e políticos decidimos impulsar Avante Ourense, unha plataforma cidadá aberta que nace coa vontade de contribuír á construción dunha alternativa progresista para Ourense.

Avante Ourense xorde da convicción de que a cidade precisa máis diálogo, máis participación e máis cooperación entre persoas comprometidas coa defensa dos servizos públicos, o dereito á vivenda, a igualdade, a mobilidade e a mellora da calidade de vida da veciñanza.

A plataforma nace con vocación plural e integradora, aberta a persoas independentes, colectivos sociais e organizacións que compartan a necesidade de poñer Ourense por riba das siglas e dos egos persoais. O importante non é quen ocupa os titulares, senón as medidas políticas que permitan mellorar a vida da cidadanía.

A situación aberta arredor dos orzamentos municipais evidencia, unha vez máis, a incapacidade das principais forzas da oposición para construír unha alternativa ao actual goberno municipal. Tras a cuestión de confianza vinculada ás contas de 2026, a oposición tiña a oportunidade de presentar unha moción de censura e abrir unha nova etapa política na cidade. Porén, esa alternativa non se materializou.

Avante Ourense considera que tanto o PSOE como o BNG demostraron unha vez máis a súa incapacidade para ofrecer unha resposta eficaz ás necesidades de Ourense e da súa veciñanza. Mentres continúan os desacordos e os cálculos partidistas, a cidade segue acumulando problemas sen resolver en ámbitos tan importantes como a vivenda, os servizos públicos, a mobilidade, a igualdade ou a educación.

Avante Ourense nace precisamente para contribuír á construción dunha alternativa útil, ampla e aberta, centrada nos problemas reais da xente e non nas dinámicas internas dos partidos. Porque Ourense merece máis.

Comparte este artigo