Malvela chega a Covelo este sábado da man do programa +Música da Deputación de Pontevedra

Redacción

 O Concello de Covelo convida á veciñanza e ás persoas visitantes a gozar este sábado 27.06.2026, ás 22:00 horas, dun concerto do grupo Malvela na Praza Mestre Cerviño, unha actuación incluída na programación cultural municipal e que forma parte do programa +Música da Deputación de Pontevedra.

Esta iniciativa provincial ten como obxectivo apoiar a programación artística profesional en galego nos concellos de menos de 50.000 habitantes, promovendo a nosa cultura, a nosa lingua e consolidando a provincia de Pontevedra como un destino cultural de referencia.

Malvela é unha das formacións máis emblemáticas da música tradicional galega. O grupo naceu a partir dun obradoiro de cantos populares impartido pola cantante Uxía e, desde entón, converteuse nun referente na recuperación, conservación e transmisión da memoria musical popular. Co paso dos anos, as súas integrantes souberon transformar as cancións gardadas na súa memoria nun valioso legado cultural compartido con varias xeracións.

Tras o éxito dos seus traballos discográficos “Que o pano non me namora” e “O Aghinaldo”, Malvela continúa a súa traxectoria artística con “Da miña xanela á túa”, un proxecto baseado na música tradicional galega e do norte de Portugal, que incorpora tamén cancións de autor. No seu repertorio destacan temas como “O trébol de catro follas”, “A gota d’auga”, “Conanfrón” ou “Pirimpimpín”, composicións que combinan emoción, tradición e unha gran capacidade para conectar co público.

O Concello de Covelo anima a toda a veciñanza a participar nesta cita cultural ao aire libre, unha oportunidade única para desfrutar da música tradicional galega da man dun grupo de recoñecido prestixio e para seguir apoiando a programación cultural de calidade no rural.

A entrada será libre e gratuíta ata completar o espazo dispoñible.

Comparte este artigo