O BNG denuncia os problemas que está a xerar entre sectores como a hostalería ou o comercio o “volantazo” de Telmo Martín na circulación na contorna de Silgar

Redacción

Os nacionalistas denuncian que o alcalde remitiu o bando coas novas medidas de circulación o mesmo día no que entraron en vigor, medidas que, tal e como están redactadas, limitan e condicionan a actividade profesional dos reparatidores

O Bloque lamenta que o señor Martín “segue coa súa teima de lexislar e actuar sen escoitar á veciñanza” e bota en falta unha campaña informativa previa, que “tería evitado os problemas que se viviron nesta fin de semana”

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia os prexuízos e problemas que xa está a provocar a reordenación do tráfico imposta polo alcalde, Telmo Martín, dun día para outro na contorna do Paseo do Silgar, sen previo aviso e sen informar nin á veciñanza nin a profesionais de sectores como o comercio ou a hostalería. Algúns traballadores puxéronse en contacto co Bloque amosando a súa preocupación por un ‘modus operandi’ que, por desgraza, non é novo por parte do señor Martín, que está afeito a lexislar e a actuar sen escoitar aos veciños e veciñas de Sanxenxo e pasando por riba das súas necesidades ou posibles achegas.

Durante a pasada fin de semana, nos primeiros días da nova reordenación, xa quedou patente o caos dunha medida que, tal e como critican os nacionalistas, “non é de recibo que se execute con semellante escurantismo e alevosía. Literalmente as persoas residentes e os propietarios, propietarias, traballadoras e traballadores da zona atóparonse de repente con sinalización de prohibicións ou cambios no sentido da circulación. Consideramos inaceptable esta maneira de proceder, é algo impropio dun concello referente en turismo, xusto no comezo da tempada estival”, sinalan desde o BNG. Esta situación non é nova, xa que en anos anteriores Telmo Martín procedeu do mesmo xeito: dando un xiro de 180 graos ao tránsito rodado nas proximidades de Silgar en pleno mes de xuño. “Nós estamos a favor de que se busquen alternativas para reforzar a seguridade dos peóns e mellorar a fluidez do tráfico, pero non a costa de actuar á espaldas da veciñanza”, lamentan os nacionalistas, que botan en falta que se realizase algún tipo de campaña informativa entre residentes, hostaleiros e hostaleiras e comerciantes. “Os e as profesionais destes sectores recibiron o bando no que se explican os cambios de tráfico o propio venres, cando esas medidas entraron en vigor”, advirte o Bloque, poñendo o foco na “confusión e malestar” provocados pola falta de interese de Telmo Martín en ter debidamente informada ás persoas afectadas.

Con respecto ás accións aplicadas, outro dos colectivos que se ven especialmente afectados á hora de desenvolver as súas obrigas é o dos repartidores. “Estes profesionais non figuran dentro do grupo de vehículos autorizados que poden circular polo Paseo de Silgar”, apunta o BNG, polo que “tal e como está redactado o bando, semella que só van poder facer tarefas de carga e descarga nos horarios estipulados, é dicir, de 7.30 a 12.00 horas pola mañás e de 17.00 a 19.00 horas polas tardes. Telmo Martín, na súa obsesión por lexislar sen escoitar a ninguén, está a condicionar negativamente o labor destas persoas, o cal é inaceptable”.

Outro dos problemas desta improvisación levada a cabo polo Partido Popular é o desconcertó xerado entre moitas persoas que visitan o Concello. “Nesta fin de semana foron numerosos os condutores que baixaron pola avenida Luis Rocafort, e, ao atoparse os sinais de prohibido o tránsito, tiveron que facer unha manobra ilegal para dar volta e volver a subir á estrada principal. Son situacións que xeran inseguridade viaria e que eran perfectamente evitables se se informase en tempo e forma á cidadanía. Lamentablemente, Telmo Martín seguirá a ser recordado como o alcalde do formigón, o cemento e os ‘volantazos’ na súa xestión”, conclúen os nacionalistas.

Comparte este artigo