O rredondelán Damián Troncoso coróase como Campión da Liga Galega de Esgrima Histórica

Redacción

 – O tirador da Sala Viguesa de Esgrima Antiga conquista o título tras a disputa do 8º Torneo Vila de Redondela, que reuniu máis de 60 competidores de España, Portugal, Italia, Ucraína e Rusia.

Contents

Redondela volveu situarse o pasado sábado 20 de xuño no mapa internacional da esgrima histórica. O pavillón municipal acolleu o 8º Torneo de Esgrima Histórica “Vila de Redondela”, unha cita que reuniu máis de 60 tiradores procedentes de España, Portugal, Italia, Ucraína e Rusia e que pechou a tempada da Liga Galega de Esgrima Histórica. O redondelán Damián Troncoso Saavedra, representante da Sala Viguesa de Esgrima Antiga (SVEA), proclamouse campión de Galicia de espada medieval e escudo broquel. Troncoso logrou o terceiro posto en espada e broquel e chegou á final de espada longa, na que conseguiu a medalla de prata. Eses resultados permitíronlle impoñerse na clasificación xeral da Liga Galega.

O torneo contou, ademais, cunha destacada presenza internacional. O italiano Massimiliano Capello, do club Comense Scherma, impúxose tanto en espada e broquel como en espada ropera, mentres que o madrileño Aldo García, do club EHM, conquistou a proba de espada longa.

A tenente de Alcaldesa, Rita Pérez Táboas, fixo entrega das medallas e amosou a súa satisfacción coa consolidación deste torneo en Redondela, “unha disciplina que medra cada ano e que combina o estudo rigoroso dos tratados históricos europeos cun deporte de gran esixencia física. Ao longo de toda a xornada, os asistentes puideron presenciar combates con espada medieval e broquel, espada ropera dos séculos XVI e XVII e espada longa a dúas mans.

A Sala Viguesa de Esgrima Antiga volve así a asinar unha dobre vitoria: a organizativa, ao consolidar en Redondela unha cita de referencia para a esgrima histórica na península, e a deportiva, co título absoluto dun dos seus principais representantes.

Comparte este artigo