Unhas 420 palilleiras de 35 asociacións de toda Galicia déronse cita onte no Pazo de Mos na XVIII Xuntanza de Palilleiras e Labores de Mos
A colección “Oxígeno”, da deseñadora María Pereiro, de Tomiño, proclamouse vencedora da final do VI Desfilamos, celebrada esta fin de semana no Pazo de Mos coincidindo coa Xuntanza de Palilleiras. A proposta foi ademais distinguida co Premio do Público, converténdose na gran triunfadora dunha xornada que reuniu a máis de 420 palilleiras pertencentes a 35 asociacións de toda Galicia.
Inspirada na natureza e na chegada da primavera, “Oxígeno” presentou tres deseños que capturan a beleza da natureza través de detalles florais en tecidos, aplicacións de encaixe e puntillas artesanais, combinando tradición, artesanía e innovación.
O segundo premio foi para “Perlas do Mar”, do santiagués Nicolás Liste, unha colección de streetwear que reinterpreta o ideal de beleza de O nacemento de Venus de Botticelli desde a identidade galega, fusionando tradición e vangarda utilizando elementos clave como o encaixe e a resina.
Pola súa banda, o terceiro posto foi para “Mitra”, de Estefanía e Pedro Orgaz, de Culleredo. Esta colección é una reinterpretación dun dos personaxes máis emblemáticos do entroido galego, o Peliqueiro na que destaca a artesanía e os bordados a man.
Ademais, “As Viúvas dos Vivos”, de Adriana Alonso, recibiu o Premio Especial das Palilleiras, un dos recoñecementos máis significativos da xornada. Cabe destacar tamén que o Premio das Influencers, entregado no desfile do sábado, recaeu en Xelis Luaces, de Muxía. Entre as influencers presentes atopábanse figuras destacadas como a de Diana Nogueira, Belén Gómez, Carmen Pardo ou Raquel Atanes.
A final de Desfilamos celebrouse no marco da XVIII Xuntanza de Palilleiras de Mos, unha cita xa consolidada que reuniu no Pazo de Mos a máis de 420 participantes procedentes de 35 asociacións de toda Galicia para compartir experiencias, coñecementos e a paixón pola arte do encaixe.
A programación incluíu tamén un dos momentos máis emotivos da xornada coa homenaxe a Rosario González García, veciña de Mos, que foi distinguida como palilleira máis veterana, en recoñecemento a toda unha vida dedicada á conservación e transmisión desta tradición artesanal.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou o éxito dunha edición que volveu converter o municipio nun referente da artesanía galega e agradeceu a participación das asociacións, colaboradoras e asistentes, poñendo en valor o traballo das palilleiras e a importancia de preservar un patrimonio cultural que continúa vivo xeración tras xeración. A alcaldesa anunciou tamén que, tal como fixo este ano, elixirá un dos deseños da colección gañadora para lucir o próximo ano na Festa da Rosa.
A Xuntanza de Palilleiras de Mos reafirma así o seu papel como espazo de encontro, convivencia e promoción dunha das tradicións artesanais máis representativas de Galicia, combinando o respecto polo legado das xeracións anteriores coa creatividade e a innovación das novas propostas.
A exposición “Luís Seoane”, mostra de Ana Rosa Lista que achega ao público a figura e o legado dun dos grandes referentes da arte galega do século XX, establecendo unha ponte entre creación artística e artesanía tradicional, estará aberta no Pazo de Mos ata o 20 de xullo.

