- O acto terá lugar este xoves, 25 de xuño, na Praza da Magdalena de Ribadavia ás 12:00 horas
O Concello da Guarda presentará este xoves, 25 de xuño, a XXXIV edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira na Praza da Magdalena da vila de Ribadavia, nun acto institucional que busca achegar esta celebración gastronómica a novos públicos e reforzar a promoción turística da Guarda.
A elección de Ribadavia como escenario desta presentación responde á vontade de impulsar a difusión da festa tamén no interior de Galicia, fortalecendo os vínculos entre o litoral e o interior e contribuíndo a dar a coñecer a riqueza mariñeira da Guarda a visitantes e residentes dunha contorna cun importante atractivo cultural e patrimonial.
Cómpre lembrar ademais que Ribadavia é o berce da Denominación de Orixe Ribeiro, unha das zonas vitivinícolas máis emblemáticas de Galicia, polo que esta presentación cobra un sentido engadido ao poñer en valor dous produtos de excelencia e longa tradición no noso territorio: o viño do Ribeiro e a gastronomía mariñeira da Guarda, que atopan un maridaxe natural e perfecto.
Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2014, esta cita converte cada verán o Porto da Guarda nun gran escaparate da excelencia gastronómica local. Miles de persoas achéganse á vila para descubrir os sabores nacidos da súa estreita relación co océano, cun protagonismo especial para a langosta, produto emblemático e símbolo do pasado ligado ás antigas cetarias que lle valeron á Guarda o recoñecemento de “Capital da Langosta”.
As persoas visitantes poderán gozar, ademais da langosta enteira, dunha ampla variedade de produtos do mar como percebes, nécoras, camaróns, cigalas, berberechos, navallas ou zamburiñas, así como de elaboracións tradicionais e creativas: empanadas, polbo á feira, mexillóns en distintas preparacións, paella mariñeira ou receitas innovadoras como brochetas de langostino con rape e verduras. A oferta complétase con doces típicos como rosca de xema, filloas recheas ou tortas tradicionais.
Nesta edición participarán catro restaurantes locais: O Roxo, O Cangrexal, Xeito e Casa Olga, que ofrecerán pratos elaborados a partir dos mellores produtos do mar, combinando tradición e innovación gastronómica especialmente pensada para esta 34ª edición.
Xunto á oferta culinaria, a festa contará cunha ampla programación musical e cultural que converterá a celebración nun encontro único de gastronomía, tradición e identidade mariñeira.
A XXXIV Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira celebrarase os días 3, 4 e 5 de xullo no Porto da Guarda. Tras o éxito das edicións anteriores, manterase o horario de inicio ás 12:00 horas do venres, así como a instalación dunha carpa de 1.200 m² para garantir a comodidade das persoas asistentes durante a degustación.
No acto de presentación intervirán o alcalde da Guarda, Roberto Carrero, e o alcalde do concello anfitrión, César Manuel Fernández. Tamén participarán a concelleira de Turismo de Ribadavia, Yolanda Gómez; o tenente de alcaldía da Guarda, Óscar Alonso; a técnica de Turismo do Concello da Guarda, Rosalía Verde; así como representantes dos restaurantes participantes, que ofrecerán unha degustación dos produtos e pratos da festa.

