O concello da Guarda presenta a nova Axenda Cultural do Verán 2026 baixo o lema “Vostede está (ben) aquí”

Redacción
  • A publicación xa está dispoñible nas instalacións municipais cun renovado deseño, papel de alta calidade e un formato innovador
  • A nova edición incorpora un “secreto despregable” que converte a axenda nun recordo para conservar máis aló da tempada estival

O Concello da Guarda ten xa a disposición da veciñanza a Axenda Cultural do Verán 2026, unha publicación que recolle as numerosas actividades culturais, festivas e sociais que se desenvolverán na vila durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro e que este ano chega cun formato completamente renovado.

Os exemplares poden recollerse nas distintas instalacións municipais, entre elas a Casa do Concello, o Centro Cultural, a Oficina de Turismo, o Albergue Municipal e o Museo do Mar, converténdose unha vez máis nunha ferramenta imprescindible para seguir a intensa programación estival da localidade.

O departamento de Cultura apostou este ano por unha renovación integral da imaxe e do formato da publicación, cun deseño fresco, actual e xuvenil, pensado para facilitar a consulta da programación e ofrecer unha experiencia máis coidada á cidadanía. A impresión en papel reciclado de alta densidade garante ademais unha maior durabilidade, permitindo conservar a axenda ao longo de todo o verán.     

A publicación mantén o seu espírito de punto de encontro da actividade cultural guardesa, reunindo nun único soporte as propostas promovidas polo Concello, así como as organizadas por asociacións, colectivos e comisións de festas que contribúen a facer da Guarda unha vila dinámica, participativa e chea de vida.          

Como principal novidade, a Axenda Cultural do Verán 2026 incorpora un “secreto despregable” interior que agocha unha homenaxe á identidade xeográfica e singularidade paisaxística da Guarda. Un elemento sorprendente que converte esta publicación nunha peza especial para gardar e coleccionar, que se a sumamos ao alto valor das propostas que contén fainos pensar se realmente existe un mellor sitio para pasar o verán, pois a verdade é que: “Vostede está (ben) aquí”.

Cómpre destacar que o deseño e impresión da Axenda Cultural do Verán 2026 contou coa subvención da liña 2 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

Comparte este artigo