Rematou o prazo legal sen que os grupos da oposición presentasen unha moción de censura
Os orzamentos do Concello de Ourense para o ano 2026 quedaron aprobados inicialmente hoxe, martes, 23 de xuño. O acordo prodúcese despois de que ás 23.59 horas de onte rematase o prazo dun mes establecido pola normativa sen que os grupos da oposición (PP, PSdeG-PSOE e BNG) presentasen unha moción de censura cun candidato alternativo á Alcaldía.
Unha vez aprobados inicialmente os orzamentos, o goberno municipal remitirá o acordo de xeito inmediato para a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Ourense. Abrirase entón un período de exposición pública durante 15 días hábiles, no que os interesados poderán examinar o expediente e presentar reclamacións, se o estiman oportuno. Se non houbese reclamacións, as contas quedarían aprobadas definitivamente; en caso de habelas, o documento volvería ao pleno municipal para resolvelas e, de ser o caso, aprobar o orzamento de forma definitiva.
O proxecto do Orzamento Xeral do Concello de Ourense para o vindeiro exercicio ascende a un total de 127.800.000 euros. Esta contía integra as contas do propio Concello e as do seu organismo autónomo, o Consello Municipal de Deportes, xunto coas bases de execución e os anexos de persoal.

