O Concello da Guarda pon en marcha esta semana unha nova edición de Miúdo Verán, unha programación cultural familiar composta por catro citas repartidas ao longo dos meses de xuño, xullo e agosto, que busca ofrecer alternativas de lecer e entretemento para todos os públicos durante a época estival.
A programación está integrada por espectáculos que abranguen disciplinas tan diversas como o clown, o humor, a música, o teatro de rúa ou a maxia. As representacións terán lugar ás 20:30 horas en espazos emblemáticos da vila como o Auditorio de San Benito e a Praza do Reló.
A primeira cita será este xoves 25 de xuño, coincidindo co inicio do verán e das vacacións escolares, co espectáculo de clown e humor “Backstage”, da compañía Negrolópez, incluído na programación da rede Cultura no Camiño da Xunta de Galicia a través da AGADIC.
A proposta presenta a un músico a piques de comezar un concerto en solitario que se prepara entre bambolinas. Porén, os problemas non tardan en aparecer: perde as partituras, non atopa os seus obxectos e os nervios apodéranse del, mentres o rexedor do teatro resulta ser todo un pallaso. A través do humor físico, a música e a interacción constante co público, o espectáculo amosa a parte máis divertida do que sucede antes de saír a escena, demostrando que ás veces o mellor do espectáculo acontece detrás do pano.
Este primeiro espectáculo celebrarase no Auditorio de San Benito ás 20:30 horas. No caso de choiva ou condicións meteorolóxicas adversas, trasladarase ao Centro Cultural da Guarda.
A programación continuará o 9 de xullo coa chegada á Praza do Reló da proposta “Ñiqui Ñaque”, integrada na xira de verán do Centro Dramático Galego. Trátase dun espectáculo de teatro de rúa no que dous curiosos pasaxeiros viaxan nun singular vehículo levando consigo unha boa dose de humor, imaxinación e tolemia.
A seguinte cita terá lugar o 22 de xullo, tamén na Praza do Reló, co músico Xavi Bufa, que sorprenderá ao público cun concerto diferente no que demostrará que a música pode xurdir dos obxectos máis inesperados. Muletas, botellas, tubos e outros elementos cotiáns converteranse en instrumentos capaces de crear sons e melodías sorprendentes.
Por último, o ciclo pecharase o 13 de agosto coa actuación do Mago Teto e o seu espectáculo “Galerock”, segunda parte do exitoso Rock’n Magic, que xa visitara anteriormente a vila. Nesta ocasión, a proposta combinará maxia e música para facer un percorrido polos grandes éxitos do rock galego, desde os temas vinculados ao Xabarín Club e grupos históricos como Los Suaves ou o movemento do rock bravú, ata as formacións e sons máis actuais.
Con esta programación, o Concello da Guarda reafirma a súa aposta por unha oferta cultural variada, gratuíta e pensada para compartir en familia, dinamizando os espazos públicos e enchendo de actividade cultural as tardes de verán na vila.
Arranca a programación do “Miúdo Verán” con catro espectáculos para toda a familia

