O programa Exercítate pecha o curso 2025-2026 con 88 participantes

Redacción

A iniciativa municipal dirixida ás persoas maiores combinou sesión de ximnasia de mantemento e natación entre os meses de outubro e maio

O Concello de Mos vén de poñer o broche final a unha nova edición do programa municipal “Exercítate”, unha iniciativa destinada ao colectivo de persoas maiores que promove a práctica regular de actividade física e fomenta hábitos de vida saudables.

Ao longo do curso deportivo 2025-2026, desenvolvido entre os meses de outubro e maio, participaron un total de 88 usuarios e usuarias, consolidando un ano máis a boa acollida desta proposta dentro da programación deportiva municipal.

O programa combinou sesións de ximnasia de mantemento e natación, permitindo ás persoas participantes beneficiarse dunha actividade física variada e adaptada ás súas necesidades. As sesións de natación realizáronse os martes e xoves de 10:45 a 11:30 horas ou os mércores e venres de 11:00 a 11:45 horas, mentres que as clases de ximnasia de mantemento tiveron lugar os martes ou xoves de 10:45 a 11:45 horas e os venres no mesmo horario.

Desde o Concello de Mos subliñan a importancia deste tipo de iniciativas para favorecer o envellecemento activo, contribuíndo a mellorar a condición física, a autonomía persoal e o benestar emocional das persoas participantes. Ademais, o programa constitúe un espazo de convivencia e relación social que favorece a participación activa da veciñanza maior na vida do municipio.

O Concello de Mos agradece a confianza e implicación das 88 persoas que formaron parte desta edición e reafirma a súa aposta por continuar impulsando actividades que promovan a saúde, o benestar e a calidade de vida da poboación mosense.

Comparte este artigo