Será gratuíta e ao aire libre no exterior do Pazo de Mos
O Concello de Mos pechará a programación da Festa da Rosa 2026 coa proxección da película Rondallas, de Daniel Sánchez Arévalo, o vindeiro venres, 26 de xuño, ás 22:30 horas no exterior do Pazo de Mos.
Trátase dunha cita especialmente significativa para o municipio, xa que a orixe do filme está directamente ligada á Rondalla Santa Eulalia de Mos. O proxecto naceu despois de que o produtor Ramón Campos lle mostrase ao director un vídeo da formación mosense interpretando unha versión de “Thunderstruck”, unha actuación que espertou o seu interese polo fenómeno das rondallas e acabou converténdose na semente desta historia.
A película, protagonizada por Javier Gutiérrez, María Vázquez, Tamar Novás, Carlos Blanco, Xosé A. Touriñán, Marta Larralde, Judith Fernández e Fer Fraga, constitúe unha homenaxe á música popular, ao sentimento de comunidade e á forza das tradicións galegas. Ademais, unha nutrida representación de rondalleiros de Mos e da contorna forman parte da cinta.
A proxección conta ademais cun simbolismo especial pola estreita relación que varios integrantes do elenco manteñen con Mos e coa súa programación cultural. Xosé A. Touriñán foi pregoeiro da Festa da Rosa, mentres que Marta Larralde exerceu como pregoeira da Festa do Codillo. Ademais, Daniel Sánchez Arévalo, María Vázquez, Carlos Blanco, Fer Fraga, Judith Fernández e o propio Touriñán participaron no Rondallas Fest, celebrado no Pazo de Mos arredor da estrea da película e convertido nun espazo de encontro entre cinema, música tradicional e identidade cultural.
A sesión será gratuíta e aberta a toda a veciñanza, ofrecendo unha oportunidade única para gozar dunha obra cinematográfica profundamente vinculada a Mos e á súa tradición rondalleira.
Durante a proxección tamén se emitirán mensaxes informativas e de sensibilización da Asociación Española Contra o Cancro.

