– A iniciativa conta coa participación do Grupo de Teatro ADC Rande e desenvolverase os días 27 de xuño, 25 de xullo e 29 de agosto. Haberá dous pases por xornada, a entrada é de balde pero require inscrición previa.
– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca o éxito destas visitas “que combinan a divulgación histórica co talento do tecido asociativo local para facer o noso patrimonio máis accesible e atractivo”.
O Concello de Redondela, a través da Concellería de Turismo, presenta a nova programación de visitas guiadas teatralizadas no Centro de Interpretación da Batalla e Patrimonio Cultural de Rande (Meirande). Esta proposta cultural e turística busca achegar a historia local á veciñanza e visitantes dun xeito dinámico, ameno e rigoroso. As xornadas contarán coa participación do Grupo de Teatro ADC Rande, cuxos actores e actrices serán os encargados de dar vida aos personaxes do relato histórico, recreando os feitos da lendaria batalla e o patrimonio industrial e cultural da zona.
A alcaldesa, Digna Rivas, puxo en valor esta iniciativa sinalando que “o Museo Meirande é un piar fundamental da nosa identidade histórica, e con estas visitas teatralizadas a memoria de Rande está máis viva ca nunca”. A rexedora local subliñou ademais a importancia de colaborar coas entidades do municipio: “É un orgullo contar co talento do Grupo de Teatro ADC Rande. Esta actividade amosa a forza do noso tecido asociativo e cultural”.
As visitas están programadas para os vindeiros sábados 27 de xuño, 25 de xullo e 29 de agosto. Co obxectivo de facilitar a asistencia de público e respectar os límites de aforo do espazo, organizaranse dous pases en cada unha das datas: o primeiro ás 16:30 horas e o segundo ás 18:00 horas. A entrada é de balde, pero debido á capacidade limitada de cada quenda, as persoas interesadas en asistir deberán realizar unha inscrición previa a través do teléfono 986 458 891 ou no enderezo electrónico museomeirande@redondela.gal
Dende o Goberno local convídase a toda a cidadanía e aos visitantes que se acheguen ao municipio durante o verán a participar nestas xornadas únicas para descubrir, en primeira persoa e dun xeito diferente, os segredos e lendas que agocha a historia de Rande.

