Concello e Deputación asinan o convenio do Plan Extra para executar as obras de humanización de Roxelio Landeiro

Redacción

A actuación permitirá transformar un dos principais accesos ao núcleo urbano de Arcade e dar continuidade ao proceso de modernización impulsado polo Concello

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, asinaron hoxe o o convenio de colaboración do Plan Extra Provincial que permitirá financiar as obras de humanización da rúa Roxelio Landeiro, unha actuación estratéxica para continuar coa transformación urbana do núcleo de Arcade e avanzar cara a un modelo de vila máis sostible, accesible e pensado para as persoas.

Este proxecto constitúe unha das actuacións máis relevantes do proceso de renovación integral impulsado polo Goberno municipal e inscríbese nunha estratexia máis ampla de mellora da mobilidade e dos espazos públicos que conecta con outras intervencións xa executadas ou previstas, como a actuación entre Fonte do Conde e Ponte Sampaio.

Durante a sinatura do convenio, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou a importancia da colaboración institucional para facer realidade proxectos transformadores. “A veciñanza demanda de nós cooperación entre administracións e actuacións conxuntas que permitan mellorar a súa calidade de vida. Cando existen iniciativas positivas para os concellos e para a cidadanía, é bo que todas as institucións rememos na mesma dirección”, sinalou.

Lourenzo subliñou tamén que esta intervención “vai supoñer unha modernización profunda de todo o núcleo urbano de Arcade, consolidando un modelo de desenvolvemento coherente cos retos actuais, baseado na mobilidade sostible, nas sendas verdes e na creación de espazos urbanos máis amables para a veciñanza”.

A actuación será posible grazas á transferencia ao Concello da titularidade dos tramos da PO-264 correspondentes ás rúas Xosé Solla, Roxelio Landeiro e Calvario, unha demanda histórica que o executivo local conseguiu materializar tras case dous anos de negociacións coa Xunta de Galicia.

O proxecto supón a transformación integral dun dos espazos máis relevantes do centro de Arcade. Na actualidade, a vía presenta un importante estado de deterioro e unha configuración marcada polo predominio do tráfico rodado e pola escaseza de espazos para as persoas. Coa intervención prevista crearase un ámbito urbano renovado, integrado na contorna histórica da ponte de Ponte Sampaio e adaptado ás necesidades actuais da veciñanza.

As obras contemplan a utilización de materiais nobres, como pedra e adoquín, así como a creación de plataformas únicas, zonas verdes e novo mobiliario urbano. O obxectivo é mellorar a mobilidade peonil, incrementar a seguridade viaria e favorecer a actividade social e económica no corazón de Arcade.

“Queremos construír un concello máis amable, máis accesible e máis preparado para o futuro, con espazos públicos que melloren a calidade de vida da veciñanza e contribúan á dinamización económica do municipio”, afirmou o rexedor.

O alcalde lembrou ademais que esta actuación se suma ao importante volume de investimentos actualmente en marcha no municipio. “Nestes momentos temos máis de 2,5 millóns de euros en obras executándose nas rúas de Soutomaior. Estamos sentando as bases dun novo modelo urbano que permitirá recuperar espazos para as persoas e que marcará un antes e un despois na historia do noso concello”, concluíu.

A sinatura deste convenio representa un novo fito no proceso de modernización de Arcade e reforza o compromiso do Concello de Soutomaior e da Deputación de Pontevedra coa creación dunha vila máis habitable, sostible e preparada para as xeracións presentes e futuras.

Comparte este artigo