A Aula Municipal de Teatro do Rosal homenaxea a Castelao na súa representación de fin de curso

Redacción

O alumnado subirase este sábado 27 ás 20 h ao escenario do auditorio municipal para realizar unha versión adaptada de ‘Os vellos non deben de namorarse’

Castelao escribiu ‘Os vellos non deben de namorarse’ lonxe de Galicia, desde o exilio en Nova York, coa terra metida na gorxa e a ironía como única patria portátil. Este sábado, conmemorando os 75 anos despois do seu pasamento, a súa obra máis emblemática volverá estar viva sobre o escenario grazas ao alumnado da Aula Municipal de Teatro do Rosal. Os e as integrantes baixan o pano deste curso 2025/2026 cunha versión adaptada ás necesidades e aprendizaxes expresivas do alumnado este sábado 27 de xuño ás 20.00 h no auditorio municipal.

O propio Castelao definiu a peza como “apenas dunha síntese artística, ou máis ben dunha artimaña escenográfica onde xogan o amor e a morte de tres vellos imprudentes. Son tres fases diferentes dun mesmo drama, contado á maneira galega e para regalía dos que poidan comprender a nosa linguaxe”. Amor, morte e retranca: tres ingredientes tan castelanianos como galegos, que o alumnado da Aula levará ao escenario despois dun curso enteiro traballando as ferramentas expresivas que esta obra esixe e celebra.

A elección non foi casual. Este cuarto curso da Aula Municipal de Teatro do Rosal quixo rendirlle tributo ao Ano Castelao 2025, agardando que lle guste a todo o público asistente. A obra, estreada en Arxentina ante a diáspora galega do exilio, percorreu un longo camiño ata chegar a este auditorio rosaleiro, e fai nel algo que Castelao recolleu, como todos os seus compañeiros da xeración Nós: a intuición das enormes posibilidades para o teatro popular galego, certos xeitos de estilización poética do imaxinario popular galego, así como a ironía, o sarcasmo ou a retranca.

A representación é de acceso libre e a entrada é de balde.

Comparte este artigo