A Catedrática da Universidade de Vigo descubrirá ao público os segredos de como ver a eclipse solar do 12 de agosto nunha charla con demostración práctica ao rematar
Será o xoves 2 de xullo ás 20.00 h no Espazo Isaura Gómez de balde
O vindeiro 12 de agosto o ceo sobre Tomiño vai escurecer case por completo en pleno día. Unha eclipse solar parcial cun mínimo dun 98% de escurecemento converterá Galicia nun dos lugares máis privilexiados de Europa para vivir un fenómeno que non se podía observar na comunidade desde hai máis dun século e que coincide ademais coa chuvia nocturna de Perseidas, facendo da xornada algo verdadeiramente irrepetible.
Para chegar a ese momento con toda a información e preparación necesaria, Tomiño contará cunha guía de excepción. A catedrática de Astronomía e Astrofísica da Universidade de Vigo Ana Ulla Miguel ofrecerá o vindeiro xoves 2 de xullo ás 20.00 horas no Espazo Isaura Gómez a charla A eclipse solar de agosto vista desde Tomiño, unha sesión divulgativa de balde na que achegará ao público todos os coñecementos necesarios para desfrutar deste fenómeno sen riscos. Ao remate haberá unha demostración práctica con 20 gafas homologadas cedidas pola Fundación Ceo, Ciencia e Cultura para o evento.
A charla incluirá unha introdución xeral sobre os tipos de eclipses de sol e os previstos non só para este ano, senón tamén para o 2027 e o 2028, ademais dunha explicación detallada de que se vai ver exactamente desde Tomiño e, sobre todo, de como protexer os ollos correctamente. A mensaxe é clara: só filtros homologados e métodos indirectos de observación, porque os danos oculares que pode causar unha eclipse observada sen protección adecuada son graves e irreversibles.
“Hai anos a xente empregaba métodos para ver os eclipses que logo deixaban moitas secuelas porque non eran conscientes da gravidade da exposición á que se sometían, pero hoxe en día hai moita máis información e dende as universidades, asociacións e fundacións astronómicas estamos facendo un gran labor divulgativo para conseguilo”, destacou Ana Ulla Miguel. A astrofísica recomenda visitar ademais a páxina web habilitada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades en colaboración coa FECYT que recolle información rigorosa para garantir a seguridade, accesibilidade e preparación territorial ante un fenómeno “que se calcula que traerá millóns de visitantes a toda España”.
Para a alcaldesa, Sandra González, esta iniciativa é de gran valor para a veciñanza, xa que “estamos ante un fenómeno astronómico que non se repetirá en moito tempo e queremos que a veciñanza de Tomiño poida vivilo con toda a información e con total seguridade. Contar cunha experta da categoría de Ana Ulla para explicarnos que vai pasar e como observalo ben é un privilexio que non podemos desaproveitar”.

