O edil socialista lembra que o anterior Goberno deixou redactados os pregos técnicos e todo o traballo previo para iniciar a contratación dunha infraestrutura estratéxica para o deporte lucense
O futuro complexo deportivo planificado baixo a xestión de Bustos prevé un pavillón polivalente con tres pistas, campo de fútbol e rugby e equipamentos complementarios para responder ás necesidades das próximas xeracións
Bustos acusa ao actual Executivo de carecer de planificación e advirte de que os remanentes deben financiar proxectos de cidade e non actuacións improvisadas con fins electoralistas
O concelleiro socialista Jorge Bustos instou hoxe ao Goberno municipal de Candia a sacar sen máis demora a licitación do proxecto para o novo pavillón municipal previsto na Cidade do Deporte de San Fiz, unha infraestrutura que definiu como “imprescindible para garantir o futuro do deporte base lucense” e cuxo expediente técnico quedou preparado durante o anterior mandato.
- O edil socialista lembra que o anterior Goberno deixou redactados os pregos técnicos e todo o traballo previo para iniciar a contratación dunha infraestrutura estratéxica para o deporte lucense
- O futuro complexo deportivo planificado baixo a xestión de Bustos prevé un pavillón polivalente con tres pistas, campo de fútbol e rugby e equipamentos complementarios para responder ás necesidades das próximas xeracións
- Bustos acusa ao actual Executivo de carecer de planificación e advirte de que os remanentes deben financiar proxectos de cidade e non actuacións improvisadas con fins electoralistas
Bustos lembrou que o Goberno progresista deixou completamente encamiñado o traballo previo necesario para iniciar a contratación. “Os pregos técnicos están redactados, a planificación está feita e existe unha folla de ruta perfectamente definida. O único que falta é vontade política para pulsar o botón e licitar o proxecto da infraestrutura que Lugo necesita para os vindeiras décadas”, afirmou.
O edil socialista explicou que o novo pavillón forma parte da futura Cidade do Deporte de San Fiz, un complexo deportivo chamado a converterse na maior infraestrutura deste tipo planificada na cidade no século XXI. O proxecto contempla un pavillón con tres pistas independentes para permitir o desenvolvemento simultáneo de diferentes disciplinas deportivas, ademais dun campo de fútbol, un campo de rugby e numerosos espazos complementarios destinados ao adestramento, á preparación física e á práctica deportiva de clubs e escolas.
“Non estamos falando dun pavillón máis. Estamos falando dunha infraestrutura estratéxica pensada para responder ás necesidades deportivas de Lugo durante as próximas décadas, froito de máis de dous anos de análise e diálogo co tecido deportivo da cidade”, sinalou Bustos.
O concelleiro destacou que Lugo vive un dos momentos de maior dinamismo deportivo da súa historia, cun número crecente de clubs, licenzas federativas e disciplinas que precisan instalacións modernas e suficientes. “Os nosos deportistas están demostrando cada fin de semana o enorme potencial que ten esta cidade. O mínimo que poden esperar da administración é que estea á súa altura e lles proporcione os equipamentos que necesitan para seguir medrando”, indicou. “Ademáis o deporte base é un motor económico que da traballo a moitos veciños e veciñas da cidade, así que para que o noso tecido deportivo continúe medrando o Executivo local debe garantir un proxecto deportivo a medio e largo prazo con garantias”, sinalou o edil.
Neste sentido, criticou que, transcorrido máis dun mes desde a chegada de Elena Candia á Alcaldía, o Goberno local continúe sen dar ningún paso para impulsar unha actuación que considera prioritaria. “Estamos vendo un Executivo incapaz de mover expedientes que xa estaban preparados. O problema xa non é só a falta de proxectos propios; é que tampouco son capaces de executar os que atoparon feitos”, afirmou.
Bustos insistiu ademais en que a incorporación dos remanentes municipais representa unha oportunidade para apostar por actuacións transformadoras. “Ese diñeiro extraordinario debe servir para construír o Lugo dos próximos trinta anos, non para dilapidalo en medidas improvisadas e de curto percorrido que só buscan un titular ou un rendemento político inmediato”, advertiu.
“O noso Goberno sempre entendeu que investir en deporte é investir en saúde, en educación, en cohesión social e en oportunidades para a mocidade. Por iso planificamos esta Cidade do Deporte con visión de futuro e por iso agora esiximos que non quede gardada nun caixón por culpa da falta de iniciativa do actual Executivo”, engadiu.
Finalmente, Jorge Bustos reclamou ao Goberno municipal que demostre con feitos o compromiso que asegura manter co deporte lucense. “Os clubs xa cumpren cada día facendo un traballo extraordinario. Agora tócalle cumprir ao Concello. Lugo non pode permitirse perder máis tempo nin máis oportunidades. Os remanentes teñen que converterse en infraestruturas que transformen a cidade e melloren a vida da veciñanza. O novo pavillón de San Fiz é unha delas e debe licitarse de inmediato”, concluíu.

