O alcalde Gonzalo Jácome avanzou o cartel, coas actuacións de Combo Dominicano, La Misión, París de Noia e A Gramola
Complétase con “Quimera”, da compañía de Pablo Méndez, a homenaxe a Houdini do mago Pedro Volta, os fogos artificiais e as barracas
As Festas da Ponte 2026 terán este ano “unha das mellores programacións de actividades da súa historia”. Así o asegurou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen presentou a relación de propostas lúdicas, musicais e de lecer organizadas polo Concello para os días 24, 25 e 26 de xullo no barrio ourensán.
A programación musical conta coas actuacións de tres das cinco mellores orquestras de España na actualidade: Combo Dominicano, La Misión e París de Noia, e unha sesión da disco-mobil de máis éxito de Galicia, A Gramola.
O apartado escénico será tamén destacado. As festas arrincarán co espectáculo de rúa Quimera, a cargo de Pablo Méndez, unha das compañías de grandes formatos máis importantes de España, con máis de 20 anos de traxectoria e 3 millóns de espectadores en todo o mundo.
Pola súa banda, o ilusionista galego Pedro Volta ofrecerá unha proposta de alto impacto visual onde renderá unha homenaxe especial ao lendario Harry Houdini no centenario do seu falecemento. O programa inclúe tamén as barracas festivas e a tradicional e espectacular sesión de fogos artificiais dende a Ponte Romana.
PROGRAMACIÓN DAS FESTAS DA PONTE 2026
24 a 26 de xullo. Organiza: Concello de Ourense
Venres 24 de xullo
- 22.15 h | Espectáculo de rúa: Quimera, por Pablo Méndez (Lugar: Parque Ribeira de Canedo)
- 23.30 h | Orquestra: Combo Dominicano (Lugar: Avenida de Santiago)
Sábado 25 de xullo
- 22.00 h | Espectáculo de Pedro Volta: Homenaxe a Houdini (Lugar: Ponte Romana)
- 22.45 – 23.45 h e 00.15 – 02.15 h | La Misión (Lugar: Avenida de Santiago)
- 23.59 h | Fogos artificiais (Lugar: Ponte Romana)
- 00.15 – 03.15 h | A Gramola Sesión DJ’s (Lugar: Rúa Vicente Risco)
Domingo 26 de xullo
- 21.00 – 00.00 h | Orquestra: París de Noia (Lugar: Avenida de Santiago)

