O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, recibiron esta mañá no salón de plenos os xogadores, o presidente e os adestradores dos equipos cadete A e B do Academia Futsal Ourense, aos que felicitaron pola súa sensacional tempada. O cadete A acadou o campionato galego de fútbol sala e rematou en 4º posto do Campionato de España, recentemente disputado en Madrid. Pola súa banda, o cadete B foi campión na categoría provincial.
Jácome e Pereira destacaron o “impresionante” logro do equipo ourensán: “parabéns, é un orgullo que representedes a nosa cidade e provincia nun nivel digno de admirar”, manifestaron. Alcalde e concelleiro subliñaron a meteórica traxectoria do club que en 3 anos conseguiu situarse entre os 4 mellores de España, e animaron os mozos a seguir practicando este deporte para axudar a levar Ourense de volta á elite do fútbol sala en categoría absoluta no futuro.

