A axenda estival inclúe a Feira do Viño, o Cámara Fest e o AMDOR Fest con De Ninghures, a Mostra de Cinema ou a actuación en streaming da Agrupación Musical no Mundial de Bandas de Kerkrade
Vinte e catro propostas culturais e 31 días con actividades de lecer para todos os públicos e todos os gustos. O verán no Rosal non vai deixar tempo para o aburrimento. O Concello presenta a súa axenda estival, unha programación tan ampla como diversa que levará música, cinema, danza e festa a todos os recunchos do municipio durante os meses de xullo e agosto.
O programa Cultura polos Barrios repite un ano máis, levando actuacións a todos os barrios do Rosal para que o lecer chegue alí onde vive a xente. Tamén volven por segundo ano consecutivo os Tardeos na Praza, que este verán traerán artistas como Litus e Pablo Novoa, ademais da actuación de Lume de Biqueira, unha gran banda de gaitas que mestura música tradicional con outros estilos e que encherá de música a Praza do Calvario o 20 de agosto.
A música clásica e medieval terá tamén o seu espazo grazas ao Cámara Fest, organizado en colaboración coa Agrupación Musical do Rosal, que levará varias actuacións á igrexa e a outros espazos do municipio a cargo de músicos da Amador e de intérpretes de gran calidade procedentes doutros lugares.
Non pode faltar a tradicional Feira do Viño e a Festa do Pilar de Verán, que terá como prato forte o 25 de xullo co concerto de De Ninghures dentro do Amdor Fest. Ao día seguinte, 26 de xullo, a banda interpretará as obras que levará ao Mundial de Bandas de Kerkrade, unha actuación que servirá de adianto antes da gran cita internacional. Para acompañala neste fito histórico, o 1 de agosto, a Praza do Calvario acollerá en directo, por streaming, a retransmisión da actuación da banda da AMDOR no propio mundial.
O cinema tamén ten o seu protagonismo coa sexta edición da Mostra de Cinema, que un ano máis se celebrará na Praza do Maio de Tabagón, e co que a asociación Ghorghalado levará proxeccións de curtametraxes á maior parte dos barrios do municipio. Ademais, o documental De Avoas a Netas tamén percorrerá diferentes espazos do Rosal ao longo do verán. A isto súmanse propostas de danza, actuacións infantís e actividades pensadas para todos os públicos, configurando unha axenda de verán completa e abundante.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, resaltou a amplitude da programación, “coa que teremos un verán no que practicamente non vai haber un só día sen algo que facer no Rosal. Queremos que a veciñanza teña motivos para quedar no municipio e que quen nos visite descubra todo o que temos para ofrecer”. Como sinalou a rexedora, “hai un esforzo enorme detrás desta axenda e creo que se reflicte na diversidade de propostas. É un verán para sentirse orgullosos de ser do Rosal”.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Carlos Villanueva, subliñou o esforzo de levar a cultura a todo o territorio, “garantindo que a cultura non se concentre só no centro do municipio, senón que chegue a cada barrio do Rosal. Iso é tan importante coma os grandes concertos. O resultado é unha programación realmente completa e abundante para desfrutar da época estival”.

