O Pazo de San Marcos acolle o 3 e 4 de xullo unha feira agroalimentaria para impulsar a economía social e o rural

Redacción

-A Deputación organiza este encontro que reunirá durante dúas xornadas a produtores, cooperativas e especialistas cun amplo programa de conferencias, showcookings, maridaxes e actividades pensadas para todos os públicos

-O evento forma parte do proxecto Agrosocial, cofinanciado polo programa Interreg España-Portugal (POCTEP), para promover un modelo de desenvolvemento rural sostible e innovador

O Pazo de San Marcos será o escenario  este venres e sábado, 3 e 4 de xullo, dunha feira agroalimentaria promovida pola Deputación de Lugo, co obxectivo de impulsar a economía social e o desenvolvemento do medio rural. Durante dúas xornadas, produtores, cooperativas e profesionais do sector procedentes de Galicia e Portugal compartirán experiencias nun espazo pensado para a formación, a promoción dos produtos de proximidade e a divulgación.

A feira ofrecerá un amplo programa de actividades gratuítas dirixidas tanto aos profesionais do sector como ao público en xeral, combinando formación, divulgación e gastronomía. Conferencias, obradoiros técnicos, showcookings, maridaxes e actuacións musicais completarán unha programación deseñada para achegar á cidadanía a riqueza do sector agroalimentario e favorecer o intercambio de coñecemento entre os distintos axentes participantes.

A iniciativa forma parte do proxecto Agrosocial, cofinanciado polo programa europeo Interreg España-Portugal (POCTEP), no que participa activamente a Deputación de Lugo. Cun orzamento de 1,9 millóns de euros, este plan promove a economía social, a transformación dixital e o relevo xeracional como ferramentas para impulsar un rural máis competitivo, innovador e sostible.

Programa e horarios

Venres, 3 de xullo

A programación arrancará este venres, ás 17:00 horas, coa inauguración oficial do encontro, e a continuación celebraranse dous obradoiros técnicos dirixidos especialmente a produtores e persoas emprendedoras do sector agroalimentario. O primeiro, impartido por Diego Rodríguez Míguez, centrarase en como deseñar un stand atractivo para feiras e eventos. Seguidamente, Ruth Álvarez Fernández, enxeñeira especializada en packaging, ofrecerá unha sesión sobre estratexias para fixar prezos e desenvolver envases responsables. A xornada rematará cunha visita guiada pola cidade de Lugo para as persoas participantes.

Sábado, 4 de xullo

A Praza de San Marcos será este sábado escenario da feira que abrirá os seus postos en horario de mañá, de 11:00 a 15:00 horas, e entre as 17:00 e as 20:30 horas pola tarde. Ao longo da xornada desenvolverase tamén un obradoiro sobre alimentación saudable e produtos de proximidade impartido pola dietista-nutricionista Ángeles Novo Martínez, así como un showcooking con maridaxe de viños das denominacións de orixe galegas, da man do cociñeiro Alejandro Méndez e da sumiller Isa Lozano.

A música tradicional tamén terá un protagonismo destacado coas actuacións de Bruno Villamor, que ofrecerá un percorrido pola música tradicional galega, e de Iria Estévez, coa súa proposta Fíos de Fado. Ademais, o público poderá participar nunha nova experiencia de maridaxe de viños e queixos coa participación da Queixería Bisqato, así como asistir ao segundo showcooking da xornada, titulado Encontro de sabores, novamente a cargo de Alejandro Méndez. A clausura do encontro contará cun sorteo dunha cesta Agrosocial valorada en 600 euros.

Comparte este artigo