- A competición celebrarase os días 4 e 5 de xullo no Campo da Sangriña e combinará deporte, convivencia e unha recollida solidaria de alimentos
Onte tivo lugar a presentación oficial do IV Torneo Camiño pola Costa, unha competición de fútbol 7 que volverá reunir a xogadores e afección no Campo da Sangriña os vindeiros 4 e 5 de xullo.
No acto participaron o alcalde da Guarda, Roberto Carrero; o concelleiro de Deportes, Celso Fariñas; e o coordinador do torneo, Rubén Verde; quen destacaron a consolidación desta cita deportiva dentro da programación estival do municipio chegando xa a súa cuarta edición e o seu valor para fomentar a práctica deportiva e a convivencia.
O torneo reunirá durante dúas xornadas a diversos equipos nun ambiente deportivo e festivo, convertendo o Campo da Sangriña nun punto de encontro para afeccionados e participantes. Ademais da competición, o torneo contará cunha recollida solidaria de alimentos destinada á asociación San Vicente de Paúl, co obxectivo de combinar deporte e solidariedade.
Ao remate da xornada, a organización repartirá premios económicos e trofeos para os tres primeiros equipos clasificados: 800 euros e trofeo para o primeiro clasificado, 400 euros e trofeo para o segundo e 200 euros e trofeo para o terceiro. Ademais, entregaranse trofeos individuais ao mellor xogador e ao mellor porteiro do torneo, recoñecendo así o rendemento dos participantes ao longo da competición.
O IV Torneo Camiño pola Costa conta coa colaboración de diversas entidades e asociacións locais, así como do Concello da Guarda, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.

