O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, participou esta mañá na presentación do estudo “O dereito ao coidado e a economía dos coidados en Galicia”. A cita desenvolveuse no salón de actos Marie Curie do edificio politécnico do campus de Ourense, e foi organizada conxuntamente polo proxecto IBERLONGEVA, a Universidade de Vigo e o Centro Internacional sobre o Envellecemento (CENIE).
A actividade propón un espazo de diálogo directo entre institucións, universidades, entidades sociais, profesionais e a cidadanía para abordar os avances, os retos e as oportunidades do dereito ao coidado en Galicia. Pon o foco na necesidade urxente de avanzar cara a novos compromisos sociais, territoriais e institucionais arredor da economía dos coidados, sinalada como un dos grandes desafíos estruturais das sociedades lonxevas actuais.
O proxecto IBERLONGEVA, impulsor deste encontro, foi aprobado no marco do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP 2021-2027) da Unión Europea, centrado na cooperación transfronteiriza.

