- A Aula da Natureza de Cabo Udra estará aberta nas fins de semana de xullo e agosto
- Os eventos desenvolveranse na propia Aula e na súa contorna e haberá propostas para todos os públicos
O Concello de Bueu continúa este verán cun monte de actividades na Aula da Natureza de Cabo Udra e na súa contorna, destinadas a todos os públicos e coas que pretende potenciar un dos emblemas da vila tanto entre a propia veciñanza como para o público visitante.
Despois da gran acollida deste programa nos pasados anos, a concellaría de turismo volve apostar un calendario moi completo de propostas para xullo e agosto, que serán desenvolvidas novamente pola Asociación Alados, especializada no coidado da natureza. O obxectivo das actividades é fomentar o coñecemento sobre os espazos da contorna cun especial fincapé na parte medioambiental.
As actividades divídense en tres eidos: paseos ao solpor, roteiros ambientais e obradoiros infantís e o programa arrancará xa esta fin de semana.
O venres 3 de xullo desenvolverase un dos “Paseos ao solpor” que sairá da Aula da Natureza de Cabo Udra ás 20.30 horas e que continuará tamén o 17 e 31 de xullo, e o 7 e o 21 de agosto (neste caso con saída ás 20 horas). A participación na actividade será por orde de chegada, e non se precisa de inscrición previa. O domingo, 5 de xullo, organizarase unha ruta de sendeirismo entre a praia de Ancoradouro e a de Lagos, con saída ás 10.30 horas dende o aparcadoiro da primeira.
A seguinte actividade será o 11 de xullo cun obradoiro sobre pegadas de animais para nenos e nenas de 5 anos en diante, que se desenvolverá na aula a partir das 12.30 horas e no que se require inscrición previa a través da páxina web de Alados, no enderezo electrónico info@alados.es e no teléfono 662140027. Nel elaborarán pegadas de diferentes animais en arxila. Xullo rematará cunha ruta circular por Cabo Udra que terá lugar o 19 de xullo ás 10.30 horas e un obradoiro de ecoprint o 25, ás 12.30 horas.
En agosto continuarán os paseos ao solpor e os obradoiros infantís de papel reciclado (1 de agosto), pegadas de animais (15 de agosto) e ecoprint (29 de agosto). E haberá tamén diversos roteiros ambientais, concretamente o 2 de agosto, entre a praia de Ancoradouro e a de Tuia; o 16 de agosto, entre a praia de Ancoradouro e Lagos; e o 30 de agosto, unha circular por Cabo Udra.
Ademais das actividades propostas, as persoas interesadas poderán visitar a Aula da Natureza de Cabo Udra, que estará aberta durante as fins de semana dende o 3 de xullo e ata o 31 de agosto. Concretamente, o horario será os venres de 17 a 21.00 horas; e os sábados e domingos, de 10.30 a 14.00 horas.
Toda a información atópase na páxina web do Concello de Bueu, www.concellodebueu.gal.

