As igrexas románicas de Tomiño convértense de novo no mellor escenario de música en directo

Redacción

O ciclo Música&Románico arrancou cun concerto do dúo KeiCos e continúa o 10 de xullo en Barrantes con Sara Ruíz e Rafael Muñoz

Medinukai Ensemble e Rafale Yebra e Oswaldo Oro pecharán o ciclo o 24 e 31 de xullo, respectivamente

Séculos de historia como caixa de resonancia. O ciclo Música&Románico arrancou esta tempada co pé dereito: o dúo KeiCos, formado por Arsenio Keilin ao violonchelo e piano e Santi Costas á guitarra, inaugurou a pasada semana na Igrexa de Santa María de Tomiño unha nova edición dun programa que converte as igrexas románicas do municipio en escenarios únicos onde o patrimonio e a música se funden nunha experiencia irrepetible.

E o mellor está por vir. O ciclo continúa con tres citas máis para non perderse.

O venres 10 de xullo ás 20.30 horas na Igrexa de San Vicente de Barrantes, Sara Ruíz e Rafael Muñoz traerán máis de trinta anos de música compartida a un espazo que lles fará xustiza. Intérpretes de referencia na música antiga europea e membros do ensemble La Bellemont, a súa actuación promete ser unha das citas máis especiais da tempada.

O 24 de xullo ás 20.30 horas na Igrexa de Santa María de Tebra, o Medinukai Ensemble, formación do Centro Superior de Música do País Vasco, interpreta un repertorio diverso e pouco habitual do século XX, destacando pola variedade de timbres e formación.

O peche do ciclo chegará o venres 31 de xullo ás 20.30 horas na Igrexa de San Salvador de Tebra, con Músicas do Mundo de Rafael Yebra e Oswaldo Oro. O dúo ofrecerá un concerto que combina composicións propias e adaptacións, fusionando clásico, jazz e ritmos latinoamericanos nunha proposta versátil, emotiva e de alta calidade artística. Un peche á altura dun ciclo que non para de sorprender.

Todos os concertos son de acceso libre e gratuíto.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, resaltou o valor dun programa “que  combina dúas das maiores riquezas do noso municipio, o patrimonio histórico e a aposta pola cultura de calidade. Son concertos únicos, en espazos moi especiais, estou segura de que quen veña por primeira vez repetirá”. A rexedora animou á veciñanza e aos visitantes a non perderse ningunha das citas que quedan.

Comparte este artigo